Opinión

"Non pagar"

Ano 70. O réxime franquista, afogado pola crise económica, estableceu un imposto a un dos sectores socias máis dócil e manipulable, o dos labregos. O imposto denominábase Cota Empresarial Agraria. Esa carga retributiva non diferenciaba o terratenente do pequeno propietario, que malvivía dos escasos recursos do terreo. A cantidade que había que pagar baseábase nunhas horas teóricas, que dependían dos ferrados que figuraban no catastro. A lei supuña un agravio, pois os labregos nin son empresarios nin obteñen plusvalías. En Ourense, os afectados constituían a maioría da poboación rural, castigada xa por unha emigración que decimaba aos pobos e lugares. 

O PCG decidiu apoiar o sindicato de Comisións Campesiñas, mobilizado nunha campaña que se denominou “Non pagar”. Creáronse comités nas comarcas. Lembro que as máis fortes eran as das comarcas de Verín, O Ribeiro, A Limia e Valdeorras. Co apoio e coordinación dun comité na capital, formado por membros do partido. Co fin de informar e mobilizar a todos os campesiños da provincia, organizáronse comandos que polas noites distribuían follas informativas (vulgarmente chamados panfletos) por rutas previamente definidas. Non houbo recuncho o que non chegaran os activos militantes. 

Pero toda organización clandestina ten debilidades. E neste caso levou aos calabozos da comisaria os dirixentes responsables, políticos e sindicalistas, sendo algún deles salvaxemente torturado. O erro foi mesturar, por parte dun membro de Comisión Campesiñas, a denuncia contra o sacerdote don Felisindo, párroco de Tamaguelos e amigo persoal de Fraga Iribarne. Este influínte cura identificou o orixe da denuncia cun membro de Comisións Campesiñas. Foran detidos, en Verín, Antonio Pérez Barreiro (que a pesar de ser encerrado na “checa”, cela reducida que apenas se cabía de pé, durmiu toda a noite), Norberto Salgado, Sergio Sandoval (Villaza) sufriu golpes e malos tratos a pesar da súa avanzada idade e como consecuencia dos golpes perdeu a audición dun oído. Na Limia detiveron a Camilo de Dios, que tamén sufriu golpes e malos tratos. Pero onde as detencións foron máis numerosas foi na capital: Carlos Barros Guimeráns foi salvaxemente torturado (fixéronlle o quirófano, a ra e golpes); como consecuencias da tortura sufriu lexións na columna vertebral. Tamén foron detidos Manuel Peña Rey, Antonio Estévez (acusado de ser o responsable do correo), Augusto Valencia (acusado de levar no seu coche os membros do sindicato). Tamén pasou por comisaria o pintor Xaime Quessada, acusado de autorizar as xuntanzas na súa vivenda, quedando en liberdade. Os demais estiveron nos calabozos policiais sete días, menos Carlos Barros, que ingresou en prisión. No ano 1974 foron xulgados polo Tribunal de Orde Pública e resultaron absoltos. Os avogados que os defenderon foron, entre outros: Cristina Almeida, Nemesio Barxa, Alfonso Pazos e Alfonso González Gándara.

O vello milenario lembra a súa participación nos comandos informativos nos que formaba equipo con Paco López Cambeses e Carlos López Polo. Os venres pola noite percorrían as rutas sementando de propaganda as aldeas que tiñan asignadas. Antes de saír, no restaurante O Roupeiro ceaban copiosamente por se era a derradeira cea que facían en liberdade. Houbo noites que estiveron máis de oito horas percorrendo pistas e estradas estreitas. 

A xenerosidade dos demócratas cos torturadores foi de tal magnitude que os policías que participaran nas torturas non foron condenados por ningún delito. Algún deles mesmo recibiu unha medalla polos seus méritos policiais e outros exercen actividades laborais grazas á lei de amnistía.

Manolo Peña lembra sen rancor aqueles momentos de angustia e compromiso. Moitos protagonistas daqueles acontecementos morreron e a súa memoria é o celme da liberdade. 

Te puede interesar