Opinión

O ano que non había música na praza

Aquil ano, non sei moi ben por que, supoño que por falta de medios, o Concello decidiu que non ía haber orquestra na praza. Debía ser no Entroido de 1962. O baile na praza era un dos maiores alicentes da festa. Formábase un gran folión que comezaba pola tarde e terminaba ben entrada a noite. Cando me enterei, dixen: isto non pode ser. Polo que urdín un plan para salvala grave situación que puidera acabar coa esencia da festa. Para comezar puxéronme o asunto pintando un gran cartel co nome da orquestra.

Logo, como precisaba catro ou cinco rapaces máis como compoñentes da mesma, contactei co meu curmán, Miro Martínez, quen á súa vez propúxollo ao Xavier Casares, ó Pepito del Río e ó Rafa, máis coñocido por "Kaká". Todos tiveron que precurar o seu uniforme, con chaqueta branca e pantalón negro. Pola miña parte tiven que arranxar un vestido de muller, cunha peluca de trenzas, pois tocábame facer de animadora, para o que recurrín á miña irmá. Unha vez que tiñamos isto, facía falla un carro grande para traslada-la orquestra dende a rúa Lepanto, máis coñecida pola "datrás", nun pequeno almacén que tiña o meu tío Edelmiro, onde gardaba os aceites e demais complementos da gasolineira. Alí argallamos todo: a trompeta, batería, guitarra, pratillos, etc., que cada un tivo que aportar, ademais dun tocadiscos e potentes altavoces. O carro era o axeitado, con rodas de goma que, ademais, servían de palco .Non lembro quen nolo facilitou. Levamos todo cara a praza e alí, diante da casa do meu tío Manuel Cerredelo, onde tiña a tenda de ultramariños, preparámolo todo para poder conectar os aparellos eléctricos (tocadiscos e altavoces).

Puxemos todo en marcha e, á mesma hora que outros anos, comenzou a tocar a orquestra, cos altavoces a toda pastilla e nós simulando que cantabamos e tocabamos tódolos instrumentos. Resultou un acontecemento e unha gran sorpresa, despois da decepción que supuxo na vila que o Concello non contratara unha orquestra. 

Foi un dos entroidos máis animados dos últimos anos; pois era un espectáculo ver a cada un dos compoñentes da orquestra desenrolando o seu papel. Unha provocativa animadora e os demais cos seus instrumentos, incluído o "Kaká", que tiña moita graza, con movementos e xestos coreados polo público.

Divertímonos todos e fumos felicitados polo numeroso público; pois, á parte do detalle en si, pola ocorrencia como disfraz, cumprimos con gran eficacia a carencia á que o Concello tiña sometido ise ano á vila. Lembro que había dous micrófonos simulados; un para a animadora e outro para o animador, que era o "Kaká", que estaban feitos cunha pataca envolta en papel de aluminio pinchada nun pau, e na última canción terminou coméndoa, entre os aplausos do público.

Te puede interesar