Opinión

Influencias do Entroido nunha viaxe polo Danubio

Opinión

Influencias do Entroido nunha viaxe polo Danubio

Disto debe haber sobre 25 anos, máis ou menos. Lico-Leasing premiaba   aquelas oficinas  das Caixas de Aforros que cumprían uns presupostos de ventas de seguros ó longo de todo o ano, cunha  viaxe polo Danubio percorrendo varios países.

Como responsable da oficina de Caixa Ourense en Vigo fun un dos agraciados. Non lembro moi ben se eran as Caixas de Galicia ou a nivel nacional. O certo é que era moita xente.

O barco estaba contratado en exclusiva para percorrer gran parte do Danubio tocando varios países. Contaban con algúns espectáculos para amenizar algunhas noites  Entre  eles había un mago galego que xa destacaba na TVG, chamado “Mago Boyano”, que nos acompañou dende o primeiro día no barco. É orixinario da Cañiza e moi amigo da nenez  dun compañeiro e  amigo meu, apelidado Santos, segundo me comentou nalgún momento durante a viaxe . Fóra das actuacións coas que nos deleitaba , convivía con nós, coma un máis, ó compartir as comidas, visitas, etc..De maneira  especial cos compañeiros de Caixa Ourense pola súa amizade con Santos.

A noite que atracamos en Budapést estaba programado un baile de disfraces despois da actuación do Mago Boyano. Eu disfraceime de Groucho Marx e a miña dona cun traxe acorde á época. Coñecía perfectamente os xestos e tódolos detalles da vestimenta do personaxe. Tíñao moi ensaiado ao telo representado varias veces no Entroido.

Xa disfrazados estamos a miña dona e mais eu sentados nunha mesa da sala. Está todo a escuras, salvo o feixe de luz que se proxecta cara o escenario onde se atopa o Mago para presentar o seu número. Loce unha vestimenta moi orixinal e vistosa. Por baixo leva unha especie de tanga e logo todo o corpo vai arrodeado con globos de distintas cores, como envolto nunha restra de chourizos. Dende logo é enxeñoso. A sala está en silencio,  expectante. De súpeto éntrame o instinto Carnavalesco: levántome da cadeira, a miña dona -que me coñece ben- suxéitame  polo brazo e di: “Non te atreverás, non o fagas!” Non contestei. Seguín pola miña marxe dereita na escuridade ata chegar a unha especie de palco onde se atopan varios directivos de Lico sen disfrazar, con traxe e gravata. Un dos complementos do disfraz é un puro que levo na boca. É un puro de pega moi logrado que leva na punta uhna especie de papel de aluminio roxo que mesmamente parece que esta acendido, sobre todo na escuridade, ata si sopraba lixeiramente expedía talco que levaba dentro , que mesmo parecía fume. Achégome a eles, saco o puro da boca e simulo que avivo o lume soprando na punta. Deseguido collo a garavata do que está máis preto e fago que apago o puro decididamente contra ela. Botouse un pouco cara atrás asustado, pensando que formaba parte  do espectáculo. Achégome ó seguinte repetindo o mesmo, e tampouco di nada. Logo, escorréndome na escuridade entre as mesas diríxomo cara o escenario. Hai dúas columnas, unha a cada lado. Escóndome tras dunha delas para, deseguido, asomar a cabeza que alcanza de cheo a luz do proxector. O Mago Boyano mira todo estrañado; pois non ten ningún extra no seu espectáculo. Comezo a  camiñar algo agochado, co paso alongado, co puro “acendido”, sempre no meu papel, ata chegar á súa altura. O mago deixa de falar, paralízase e non sabe que facer. Saco o puro da boca e repetindo o mesmo xesto que as veces anteriores, simulo atizar o lume .O mago cunha cara de medo incrible recúa ó achegarme moi preto dos globos que cubrían todo o corpo, na crenza que ía quedar en coiros se llos rebentaba  co lume. Nese intre que estou máis preto, recoñéceme e di: “Serás cabrón!” Para non estragarlle o número, desisto inmediatamente, dirixíndome cara a miña mesa.

Acabou a actuación entre os numerosos aplausos do público, que ata ese momento está convencido que a miña introdución  formaba parte do espectáculo. Acéndese a luz e a miña dona quixera meterse baixo a mesa coa vergoña. Os compañeiros  miran cara min. Están totalmente abraiados; pois non coñecían esta faceta miña ó caracterizarme máis ben por unha persoa tímida e pouco dada ás aparicións en público.

Ter nacido nunha zona tan proclive ó Entroido, telo vivido, mamado dende tan neno, dáche un plus especial. Como algo que te protexe do exterior, coma si estiveras ti só, sen ninguén o teu arredor. Como algo que te empuxa, que te obriga a facelo. É unha sensación moi pracenteira.

De súpeto, levántome da mesa, pois sinto a necesidade de desculparme con aqueles membros directivos de Lico ós que importunei coa miña ocorrencia. Ó principio non entendían as miñas desculpas, pois estaban na crenza de que era algo que formaba parte do espectáculo. Colleron cada un a súa garavata e viron con satisfacción que estaban  intactas. Tiven que explicarlles que se tratara dunha actuación espontánea que nada tiña que ver coa actuación do Mago. Ó final entendérono e felicitáronme dicindo que fora unha actuación digna dun profesional. Ó volver a mesa todo foron parabéns dos compañeiros. Cando máis tarde apareceu o Mago Boyano, rímonos e gastámoslle bromas co susto que levou, nun certo sabor a Entroido da Limia.