Opinión

­A mellor das herdanzas

Xa pasaron 15 anos desde que un día me topei cun texto sorprendente, nunha clase de primaria. Daquela tiñamos a materia de Coñecemento do Medio, que incluía a de Ciencias Naturais e  Ciencias Sociais. O texto afirmaba que para gañar diñeiro podes buscar un traballo, xogar á totobola ou agardar que un parente che deixe a súa herdanza. Loxicamente, os alumnos decidiron nun debate, que a primeira opción era a máis acertada, e que o libro de texto parecíase a unha novela de ciencia ficción. Despois de tanto tempo, o libro, por fortuna, xa non está no mercado. Con todo, fiquei pensando no asunto da herdanza, pero no plano inmaterial. Sempre foi, que a mellor das herdanzas son os valores humanos transmitidos con amor.

O tempo invertido na familia é unha herdanza que non tributa ao Estado, un ben intanxible do que ninguén nos pode privar. As cousas pequenas, as mesmas que ninguén lles da aprecio, para nós son intransferibles e dun valor inmenso, por formar parte do noso patrimonio persoal. Eses valores tamén se transmiten ao longo das xerazóns. Pero non forman parte da xenética, como os máis radicais creen, senón que pasan de pais a fillos se existe unha relazón familiar estable. Os xogos cos máis pequenos son de moita importancia e potencian as relacións humanas máis positivas. Actividades deportivas e lúdicas, en concreto o coleccionismo, axuda a que as persoas valoren máis o compartir que o posuír. Quizais a moitos lles pareza que pasar tempo cos nenos é unha perda de tempo, pero esas horas non volverán e con toda probabilidade, esto provocará un arrefriamento social. 

En cada movemento social existen debilidades e perigos difíciles de predicir e imposibles de solucionar. Por iso o mellor remedio é alonxarse canto máis mellor. Se nos anos 80 foron as drogas, nos 90 “a movida” e no século XXI o botellón, non podemos esquecer que o individualismo producido polas novas tecnoloxías ou as apostas diarias dos adolescentes conforman un novo entorno social que retoma unha drogadicción “máis limpa” (no sentido de que xa non vemos aos mozos tirados polas rúas), cunhas consecuencias incertas, que non auguran nada bo. Por outra parte, algunhas familias fan esforzos por ter fillos, para logo claudicar cando teñen que educalos. Ao deixar nas maus dos centros educativos a educación dos seus fillos, nos nenos e nas nenas xenérase un conflito, que se pode resumir nesta frase: “As normas da escola non se parecen ás da casa, pois na casa non existen normas”. Tendo en conta de que os rapaces pasan moito máis tempo na casa que na escola, ou no instituto, a colaboración dos pais na educación integral do neno é determinante. Por iso o pacto educativo que non chega en formato de Real Decreto, pode existir nas relacións das familias como parte da Comunidade Educativa. Sería un avance ante tanto atraso lexislativo ou normativo, e a mellor das herdanzas para eses fillos que terán que seguir loitando cos impostos inxustos ás herdanzas materiais que lle deixaran os seus pais.

Te puede interesar