Opinión

O 31 de outubro: día da Reforma

Cada ano que pasa, desde 1517, celébrase no mundo protestante o chamado día da Reforma. Se lles son sincero, non imaxino a Lutero cravando aquelas 95 teses na porta da igrexa de Wittemberg, pero o que si foi certo é que alí apareceron e comezou un debate que sempre se resolvera enérxicamente coa excomunión ou coa morte. Por iso penso que pouca importancia ten que fose Lutero, ou outro discípulo mandado por el, o que puxese no taboleiro de anuncios semellante denuncia. O propio autor das teses afirmaba anos despois: “Opúxenme ás indulxencias e aos papistas sen empregar a forza. Só ensinei, prediquei e escribín a Palabra de Deus e nada máis. E mentras durmía ou bebía cervexa cos meus amigos Melanchton e Nicolás, a Palabra de Deus incomodaba moito ao papado. Eu non fixen nada, a Palabra fíxoo todo”. Certo é que todo ten o seu tempo e os tempos non son nosos. Moitos antes de Lutero tentaron levar adiante unha Reforma e non viron cumprido o obxectivo, poren serviron de referencia para outros momentos na historia. Estou a pensar en Prisciliano morto en Tréveris, Juan Huss queimado na fogueira en Bohemia, Isabel de la Cruz (franciscana), prendida pola inquisición por ofrecer a Biblia ao pobo e un longo etcétera de voces silenciadas.

Este ano, mentras moitos celebran o Samain ou o Halloween estadounidense, quero centrarme na razón de Lutero de elexir o día 31 de outubro para facer público o seu pensamento. A data non foi elexida ao chou. Trátase do día anterior ao celebrado “ día de todos os santos” que ten as súas oríxes na igrexa primitiva, conmemorando a morte dalgún martir. Foi o papa Gregorio IV que no s IX declarou o 1 de novembro coma ese día de celebracións. Lutero sabía que nesa altura había máis movemento que noutros días, pois o que celebraban os católico-romanos era a santificación dos difuntos despois de deixar o purgatorio. A festa non era somentes para os santos canonizados, senon para todos aqueles que polas indulgencias deixaran o chamado “estado intermedio”. A Biblia non fala do purgatorio, e aínda que a maioría dos teólogos católicos xa non acredita nesta doctrina, segue coexistindo co chamado limbos dos xustos. A única referencia posible, agoniza nunha exégesis forzada dun libro deuterocanónico coma o de Macabeos. E deste modo Lutero arremete sen rubor, coa autoridade da Biblia ao mercado das indulxencias, o día anterior á festa romana. Hoxe en día, moitos fieis seguen a esperar que se aplique o Concilio Vaticano II. É o caso de Hans Küng, que falando da Reforma dí: “O ponto de partida da empresa reformadora de Lutero non foron os abusos da igrexa, nen o tema da igrexa, senon o tema da salvación”. “Lutero topou a resposta na epístola de Romanos: O xusto vivirá pola fé”. A salvación é un regalo de Deus e Küng destaca que Lutero descobre na Biblia como Deus xustifica ao pecador sen que este o mereza. Por graza a través da fé.

Este ano celébrase en moitas partes do mundo o día da Reforma, no que a Biblia ten unha parte fundamental. Por iso, lembrando que hai 450 anos que temos a Biblia do Oso, a primeira traducción completa ao castellano, a Sociedade Bíblica de España ten programado celebrar na nosa cidade, todas estas efemérides. Unha iniciativa máis para que todos coñezan esta xoia que nos achegou a Reforma.

Te puede interesar