Opinión

A inspección educativa

Sempre que comeza un curso escolar hai un cúmulo de sensacións que pertencen a unha dimensión aínda sen definir. Estou a falar da impotencia que supón detectar problemas no sistema educativo sen chegar a un pacto pola educación. E polo visto, non da chegado e poucos acreditan no que ven de camiño. Por iso, ao longo deste ano, imos analizar paseniño, cada un dos aspetos máis sensibles relativos á educación, comezando hoxe pola inspección educativa.

En cumprimento das esixencias da normativa actual , LO 2/2006 do 3 de maio revisada o 18 agosto de 2015, Decreto 99/2004 e Orde de 13 decembro de 2004, os inspectores de educación sobreviven nun mar burocrático de papeis, decretos, órdenes e circulares internas. Os profesores comparten moi pouco tempo cos inspectores, entre outras cousas porque o sistema educativo está excesivamente estructurado, esquecendo que os tempos mudan a un ritmo sen pausas nen cadencias. Os arquetipos familiares non son os de sempre. As familias inmigrantes enriquecen a diversidade por un lado, modificando o ensino ao incluir nas aulas novas mentalidades e ideosincrasias que distan moito da homoxeneidade tradicional doutros tempos. Este feito non se xulga bo ou ruín. Simplemente exite. Por outra parte, os cambios tecnolóxicos revolucionaron non só o ensino senón tamén a sociedade. Os docentes pasaron da tiza e a pizarra, a programar “escornabots” con Arduino, esto é robots para nenos. Iso implica un cambio tan importante que a renovación pedagóxica sempre terá que estar presente ao longo das nosas vidas, adaptándonos aos tempos. E neste sentido boto en falta unha profunda reforma no corpo de inspectores. Se entre as súas competencias estivera o axudar aos docentes con alumnos de necesidades educativas especiais, para integralos no aula e desenvolver as súas potencialidades , o sistema educativo gañaría en calidade e as relacións co profesorado pasarían a ser moito máis cercanas. Ao implicarse na comunidade educativa cunha participación máis activa, axudarían a revisar os reforzos educativos de alumnos que non teñen adaptacións curriculares porque non as necesitan, e lles chega cun reforzo puntual. Para iso habería que reestructurar os equipos de orientación contando coa presencia do inspector .O único problema é que esto suporía un incremento orzamentario moi importante. 

Por outra parte o inspector debera ter a oportunidade de intercambiar o seu posto de traballo polo de formador na Universidade. Esto era posible en 1932 e o que funcionaba ben non debería mudarse. Do mesmo xeito, os inspectores non deberan afastarse en exceso da práctica docente, volvendo a dar clase; para coñecer que ningún tempo pasado abonda para coñecer o presente. Aínda que nas convocatorias para o posto de inspector se esixe un mínimo de 6 anos de práctica docente, a realidade é que unha vez integrados no corpo, o seu papel redúcese ao extrictamente burocrático e a desconexión coas aulas, alumnos, mestres e profesores, so se retoma en intervencións puntuais nalgúns departamentos nos centros de educación secundaria.

A inspección educativa ten un papel fundamental no sistema educativo. O pacto pola educación debera comezar pola elaboración dun Estatuto da Función Docente. Esto axudaría a determinar unha normativa para os docentes, evitando que estivese diseminada por un marco lexislativo complexo e nalguns casos impreciso. Daquela os inspectores terían máis tempo en ocuparse dos temas dos que xa falamos e que a todos nos preocupan.

Te puede interesar