Opinión

Afonso Monxardín: cronista de Ourense

Xa pasaron nove anos e o posto de Cronista de Ourense segue vacante. A razón de que o Concello de Ourense non nomee a ninguén non quero sabela. Imaxino que non terá que ver con maiorías absolutas cando se trata dun tema de consenso, calquera sabe! O que si lles podo contar é que lembro un artigo deste xornal, asinado polo periodista e fotógrafo José Paz, que recollía testemuñas que falaban da vixencia do cargo de cronista da cidade. Había para todos os gustos e cores, pero quero destacar a opinión de Afonso Monxardín, que subliñaba a ideia de conservar as tradicións. Citaba o exemplo dos maceros para entender a historia destes curiosos persoaxes pertechados de maza e tabardo. A súa encomenda era amosar á sociedade o poder que tiñan as autoridades naqueles tempos.

Ao longo destes anos observo que os artigos do profesor Monxardín, gozan das características propias dun cronista de prestixio. Ás veces cheas de retranca, e outras cun sentido do humor propio dos galegos, pouco a pouco foi gañando un espazo na complicada vida cultural auriense. Por outra parte, son consciente que as envexas que ameazan a esta cidade cultural galega, están sempre á procura de devorar a alguén, e por iso animo a que detractores e vermes necrófilos, comecen canto antes a súa campaña difamatoria, para evitar que Monxardín sexa nomeado Cronista da Cidade de Ourense. Estaremos dispostos para escoitar outras propostas mellores. Pero con independencia da afectividade que poidamos ter con unha persoa, debera prevalecer sempre a súa valía, o seu traballo e a súa dedicación e xenerosidade cara aos demáis. Lembro con moito afecto a Anselmo L. Morais (último cronista), cando atendía á miña curiosidade de xoven a calquera hora, no Ateneo. 

Sempre tiña tempo para contarme cousas do Ourense antigo, e non podo esquecer o esforzo que facía para falar galego, sempre coa meta de agradar. Por outra parte cando leo a Risco ou a Otero Pedrayo, alicerces de moita historia e antiguos cronistas, escoito ao mesmo tempo as voces de moitos outros, que non souberon comprender nen aceptar os seus nomeamentos. Estou seguro que esta enfermidade non é patrimonio da nosa cidade, pero se somos quen de comezar a denunciar estas actitudes propias de seres inferiores, imos aforrar moita enerxía a invertir noutras áreas de mellor proveito. Sabemos que son moitos os que siguen os artigos de Afonso desde hai algúns anos. Uns desde a humildade animan. Outros desde esa envexa da que falaba, fan crítica destructiva. Pero todos xuntos, uns querendo e outros sen querer, logran que sexa un persoeiro cun perfil público do que todos falan polo que nos conta e escrebe, e as actividades que promove. Esperemos que moi pronto teñamos cronista na cidade de Ourense. 

Te puede interesar