Opinión

Algo máis que ilusións

Este Nadal non é especial. É distinto para os que sofren que para os que consumen compulsivamente. Será máis desesperante para os que xa non soportan unha cidade chea de parches, que para os que se resignan e non loitan e buscan solucións onde non as hai. Este Ourense que afoga na incultura e nas ocurrencias do seu alcalde, non pode permitir que o anulen do mapa galego como se fose un ente sen recursos e sen nada que dicer ou fazer. Por iso, o mércores desta pasada semana a Plataforma pola Defensa da Universidade Popular de Ourense celebrou nun fermoso acto de clausura do curso 2022, un debate cheo de persoas que tiveron responsabilidades políticas nesta cidade. Non vou dicer que algún sobraba, pero si faltaban aqueles que eliminaron a ilusión de miles de persoas que asistían a estes cursos de formación. Coa presenza de moitos representantes de agrupacións culturais de Ouense, o Liceo encheu o seu Salón Noble e alí só se escoitaron voces a favor da recuperación da Universidade Popular. Faltou un momento musical, o que sería sinxelo organizar, porque moitos músicos estarían prontos a participar. Despois do debate ben dirixido por Montserrat Morales (da Federación Española de Universidades Populares) houbo un espazo innecesario para expor o futuro da UPO. As propostas foron pequenos mítines políticos que os partidos aproveitaron facer, cando saben que no Liceo non teñen acollida por ser un espazo plural onde a cultura non casa coa política. Pero houbo unha excepción que salvou o acto, cando Manuel Cabezas dixo que os logros non pertencen a ningún político senón aos profesores, alunos e alunas da Universidade Popular. Fora no seu mandato cando se puxo en funcionamento a UPO, e os outros gobernos souperon mantela viva, até hoxe. Que está, como está. A verdade é que non sei se quixo desautorizar a súa compañeira de partido, cando o citou como promotor da UPO, ou se realmente cre o que dixo. De calquera maneira o sentir xeral era que se desaparecese a UPO, so nos quedarían ilusións de que os Magos de Oriente visen as luces do Paseo, Praza Maior e Alameda, e nos trouxesen algún regaliño para compensar as bágoas derramadas por tal desfeita.

Este Nadal tampouco será especial para algúns de nós; aínda que algunhas ilusións educativas son realidade haberá que esperar o que duran. A nova Lei de Educación entra pola porta grande da restauración de materias como a música e a danza. Por primeira vez será avaliada cunha nota propia. Desde a LOE, a música formaba parte da educación artística e facía media coa de plástica. A Lei Wert, que tanto dano fixo ao ensino, comeza o seu declive. Hoxe os discentes de educación musical e danza poden disfrutar dun ensino de calidade na maioría das escolas galegas. A dotación instrumental non se reduce a frauta doce soprano que todos lembramos. A orquestación das cantigas galegas con idiófonos e instrumentos ORFF ( metalófonos e xilófonos) fai que a sensibilidade pola música potencie nos máis pequenos un arte universal que non pode estar en man duns poucos. En calquera rúa da Alemaña, Austria ou Polonia hai uns músicos fabulosos que tocan e comparten cos demáis o que de crianzas souberon adquirir dunha forma natural. A cultura musical dunha sociedade parte da escola e das familias cando existen políticas globais que apoian e fomentan esa formación integral da persoa.

Alguén me dixo nunha ocasión que tamén se pode vivir de ilusións. Por iso non quero imaxinar que o vindeiro ano veña cargado de novas ideas, nen de novas leis (algunhas recurridas sen seres aprobadas no Parlamento). Só desexo que a educación e o respeito volva campar ás súas anchas, en calquera espazo desta sociedade. En calquer conversa, en acordos ou desacordos. E, por se non se diron por enteirados, tamén na política local, provincial, autonómica e nacional. Non sexa que acaben a labazadas.

Te puede interesar