Opinión

Avións de papel

Cantos anos hai que vostedes non fan un avión de papel? Permítanme decirlles que se teñen fillos ou netos non conta; desta vez só serán computables as respostas daqueles que vivan sen nenos ou nenas no seu entorno. E deste modo, salvo algunhas excepcións, poderemos constatar que o tempo de facer ese brinquedos, fican a moitos anos vista. Agora son outros os que fan os avións de papel por todos nós, simulando algunha das ilusións do pasado. O poder xenera nalgúns o desexo de querer mudar o mundo, ao crear unhas perspectivas ilusorias que nunca se fan realidade, pero que producen un impacto mediático a ter en conta. Os hábitos sociais son moi variables e a tecnoloxía, que debera  axudarnos a avanzar, provoca un déficit nas relacións humanas con difícil previsión de cuais serán as consecuencias. Estas relacións deberan comezar por un mesmo, potenciando autoestima. O incremento de casos de  ansiedade na poboación é exponencial. Galiza continúa a estar á cabeza no consumo de fármacos denominados, psicotrópicos, como as benzodiacepinas, entre menores de idade e subía na media Europea até o terceiro posto no periodo 2006-2007. Os modelos educativos van de fracaso en fracaso, pola inexistencia dun pacto educativo que para os políticos é unha intelequia. Debido a inestabilidade política, reflexo da sociedade actual que construímos entre todos, os problemas tenden a resolverse con boas intencións, deixando a un lado os feitos e as políticas socialmente activas.

Todos lembrarán que os avións de papel voaban se estaban ben construídos, e tendo en conta que os constrúen por nós, deciden por nós e até viven por nós, hai moitas posiblidades de que cheguemos a crer que somos libres sen ter en conta as circunstancias. Por iso veume ao maxín a historia de Ícaro, encerrado co seu pai Dédalo polo Rei Minos, na illa de Creta. Segundo nos conta o mito grego, pai e fillo inventaron e construiron unhas ás para poder fuxir da prisión. Cando chegou o día todo foi un éxito e saíron voando seguindo os consellos de Dédalo. Ícaro era desa clase de fillos que esquecen os consellos dos pais, e créndose libre, achegouse ao Sol. Coa calor, as ás que estaban feitas de cera e plumas, desfixéronse e caeu ao mar perdendo a vida. O seu pai Dédalo só puido lamentar a súa morte.

 Pode ser que sigamos vivos, lembrando os avións de papel. Tamén pode ser que vivamos esperando que as ilusións que nos prometen cheguen algún día, pero ao que debéramos estar ben atentos é  cando os nosos xóvenes marchan á emigración e nós seguimos vivindo nas ilusións. Como cando faciamos os avións de papel.

Te puede interesar