Opinión

Deportes invisibles: a ximnasia acrobática

Desde hai moitos anos existen ou sobreviven neste mundo multitude de deportes que non teñen a sona doutros poucos privilexiados que nadan na abundancia da fama e do diñeiro. Poucos saben dos éxitos dos nosos deportistas de wushu, que a nivel internacional non paran de acadar medallas, ou dos ximnastas ourensáns que lograron éxitos encomiables. A todos os recibiron hai pouco na Xunta de Galicia e supoño que un recoñecemento institucional non ven nada mal de cando en vez. Mellor sería se fose acompañado duns premios cunha dotación económica importante. Así acontece noutros países europeos. Porén, o motivo deste artigo vai por outro rego paralelo. 

Esta semana, equipos de ximnasia acrobática procedentes de Marín, Vigo, Pontevedra, Asturias, Santiago de Compostela, Nigrán, Gondomar e Ourense sufriron unha discriminación que non debera repetirse nunca máis. Mentres os equipos de ximnasia rítmica ocupaban o pavillón central do Paco Paz, as de acrobática quedaban na cancha de baloncesto da entrada. Seica non lle interesaba á TVG. Isto provocou que as nais e pais estivesen hacinados nun espazo tan reducido que lles obrigou a permanecer de pé algo máis de 4 horas para poder ver aos seus fillos. Por se fose pouco, a coincidencia da celebración do Rally de Ourense na súa 51 edición, incentivou o caos. Non era posible estacionar en ningures e as labores do tráfico recaeron nos voluntarios da organización. A actuación da policía local foi tan anecdótica como invisible. Comezaron a poñer barreiras na beirarrúa ás 13:30 horas, cando os coches xa colapsaban todo. A imaxe que Ourense ofreceu aos visitantes estaba totalmente distorsionada. Pero seguindo a resposta do concelleiro de Deportes, “podedes vir en bus”, xa se pode entender que non hai vontade de cambio. ¿Por que non se lles cedeu o Pavillón dos Remedios como solicitara a Federación Galega? O seu presidente, que cargou coas culpas diante dos pais, non é responsable da desfeita acontecida. Todos os que o coñecen acreditan del que é o primeiro en chegar e axudar na montaxe de cada un dos campionatos. Un exemplo a seguir en humildade e dedicación ao deporte.

Cando os deportes invisibles saen á luz aparecen os éxitos e as medallas. Todo o mundo esquece o esforzo persoal e familiar, e poucos teñen en conta a inmensa inversión que supón. Cando a ximnasia acrobática sexa recoñecida (ten máis de 4.700 licencias na Federación), quizaís moitos ximnastas xa se perderon polo camiño. Con todo, aínda existen adestradores e árbitros que seguen loitando contra todo para que esa facultade que teñen os deportistas non fique na desilusión e no desencanto. 

Te puede interesar