Opinión

Descubrindo a Xosé Luis Otero

Hai tempo que sigo a traxectoria dun pintor de Nocelo de Pena, ao que coñecín en Allariz hai catro anos. Naquela altura pouco se esperaba dun artista que se pasara de pintar paisaxes,  a crear nun xénero abstracto un estilo propio. E aínda que naquela altura todo estaba conxuntado coa literatura, teño que recoñecer que me sentín identificado coa obra. Tanto foi así, que no Museo do Mar de Vigo, noutra exposición del, ofrecín unha das miñas composición musicais como regalo á xenerosidade de nos mostrar outra visión do “Caos”.

Se cada persoa é un mundo, Xosé Luis Otero é unha galaxia, no que millóns de estrelas con luz propria, reflicten sentimentos nos materiais e texturas que emprega na súa obra. Se cada persoa ten unha meta nesta terra, Otero posúe millóns de obxectivos que agroman no sentir do seu corazón, na  soidade que o condena a un estado de illamento no proceso creativo. Neste estado, ben sabe que non é un Ser Supremo e identifícase coa ideia principal que bate na súa mente, nunha morea de ideas  acotío. Ademais recoñécese pequeno ante un Universo cheo de posibilidades, combinacións e alternativas inhóspitas. Ritmo, poesía e música, para este artista plástico cunha sólida formación inicial, son instrumentos intanxibles que potencian a súa reflexión persoal e mesmo espiritual.

 Estas pinceladas da vida de Otero, pretenden se tan precisas, como xenéricas no ente de cada artista que se prece. As diferencias entre outros está en integrar diversas disciplinas e desenvolver novas técnicas para que a conxunción final non resulte artificial. Iso está a acontecer coa súa creación nos lugares máis emblemáticos dos países escandinavos nos que Xosé Luis Otero está a expoñer. No Museo Gotland en Visby, no Museo Edsvik e no de Arte Moderno de Liljevalchs en Estocolmo. O tema da paisaxe despois da destrución e da desaparición do home é o fío condutor das 80 obras que forman parte da exposición itinerante. A propria natureza xeme con dores de parto ante a contaminación do pecado do home. Os corazóns expresan esa humanidade caída e Otero, que en vez de lanzar a cultura cara a natureza, para transformala, interioriza esa situación simulando, ou mesmo representado esa paisaxe final, desértica e caótica resume todo no aforismo: “A soidade pura e o silencio de Deus”.

Otero xa é un artista de referencia na arte galega. As diversas etapas polas que ten transitado son tan distintas como converxentes, pero sempre en relación coa realidade do entorno  no que se move. A denuncia social da desertización da terra, lévao a expresar con textos breves que acompañan cadros e obxectos, frases que apelan aos sentimentos. “ Degradación e destrución do monte”. “O deterioro dunha paisaxe que non voltará”. “A vida queimada e convertida en cinza”. “Sen posibilidade de recuperar a mirada primeira”. Por todo isto, vale a pena estar atentos aos novos proxectos que o pintor e escultor ten na nosa terra que serven de reto ao espectador. Porque as súas profundas raíces galegas fan que non se esqueza do importante: da idiosincrasia, da lingua e da terra.

Te puede interesar