Opinión

Disparates

Benvidos todos ao día dos disparates. Como non existe esta efeméride, ou non teño noticias dela, había que inventala; a necesidade e a actualidade reclama que non esquezamos a importancia que ten. A palabra disparate podemos identificala co acto caracterizado polo absurdo e a loucura. Dun xeito máis didáctico direi que a situación dun simio cunha pistola cargada supón un perigo inminente para os que están arredor. Iso ven a ser un disparate.

Ante calquera problema co que nos topamos, podemos actuar con cordura ou sen un sentido racional. Nese tránsito está o poder político. O que ten a capacidade e a responsabilidade de governar. Por iso non podemos esquecernos de expresar o noso criterio en voz alta, con respeito e en liberdade, cada vez que constrúen un disparate dos que imos falar.

Loubando cada un dos disparates nos que estamos, non podo deixar de falar de Catalunya, para dicir que a solución á ruptura social non está en prohibir o catalán como lingua vehicular. Todo o mundo debera sabelo, pero nese caos ideolóxico perverso, agroma a meta agachada de centralizar a educación.

Este debate estaba superado e agora supón un retroceso máis no camiño infinito de chegar a un pacto educativo. Lembro que de neno, cando estudábamos o que era unha horta, comezábamos por Tudela. Nos anos 70, o ensino era tan plano como unha mesa de billar. Por iso, os nenos pensabamos na horta da aldea dos avós, dos pobos que aínda cheos de xente, cheiraban a pobo e non entendiamos a razón de renegar do noso.

Da nosa lingua que definía con precisión, a gramalleira, a lareira, a sacha, o fouciño, a gadaña e a retranca. Dura cousa foi aprendelo no castelán que asoballaba aos galegos.

Temos outros disparates dos que falar. Lembren vostedes que neste día especial non debéramos esquecer os máis importantes. Entre eles está o máis repetido das historias da historia. Estou a falar do disparate de facer un novo edificio, sexa para educación, xustiza ou sanidade, sen contar coa opinión dos traballadores e usuarios do mesmo.

Por iso sempre teño o costume de felicitar a aqueles que o estrean. Cun ton de cabreo, case sempre me din que deberan tumbalo abaixo e facelo de novo. Ouvir iso o día da inauguración podería ser un disparate, poren os que sofren o día a día as limitacións das novas instalacións non están de brincadeira. Descoñezo os supostos intereses que puideran existir para non contar cos traballadores de cada gremio, pero esto repítese demasiadas veces no noso país.

A miúdo lamentamos a faltar de consenso dos gobernos cos axentes sociais. Esquecemos que as relacións humanas están moi contaminadas por intereses personales, e até chegamos a chamarlles parvos a aqueles que viven para os demais. Este feito supón un disparate para todos aqueles que viven no seu mundo de egolatría.

Uns pola procura dun protagonismo que non corresponde á súa mediocridade, outros por esquecer aos que sofren e malviven na sociedade, e uns terceiros que até lle doe que os pobres recollan as migallas que lles caen da súa mesa.

Recapitulando, observando e analizando estas situacións da vida, remato co argumento contrario ao inicial. Se es quen de xerar disparates, o ruído poderá tapar temporalmente a tolemia. Co paso do tempo, ha de te xulgar a historia. Pero iso tanto ten. Que che quiten o bailado. E iso é un contravalor que incide en todos, pero que poucos valoran como deberan. Un disparate final, no día dos disparates.

Te puede interesar