Opinión

O billar e o Liceo de Ourense

Aínda que a historia do billar en Ourense está sen escreber, vou comezar polo final. No Liceo de Ourense, motor cultural da cidade e punto de encontro de moitos, o billar está a vivir unha recuperación espectacular. Buceando un pouco nas hemerotecas, falando con amigos do billar, observo que finalizando os anos 80 e na década dos noventa, o Liceo e O Orfeón acollían á maioría de billaristas da cidade. Houbo competicións de varias modalidades e campionatos galegos e nacionais que atraeron xogadores de todas partes da Península e por suposto, da Comunidade Autónoma. Pasou o tempo e desapareceron moitos dos espazos onde xogar. Quedou o Liceo. No 2005 preocuparse de buscar a alguén que che ensinase o xogo, era misión case posible. José Lozano foi o mestre e amigo que entrenaba só cada semana e cando o coñecías non dubidaba en facilitarche o material, ao mesmo tempo que compartía con xenerosidade os seus coñecementos, que non eran nen son poucos. Porén o tempo pasaba e os xogadores de billar eran os que eran. Xogaban de cando en vez. Como esquecer a Manolo Cabezas e Gustavo Bueno nas súas partidas con outros afeizoados!. No ano 2007 apareceu un novo xogador máis estable, Alberto Borrajo. Formando un grupiño de tres a Sociedade do Liceo de Ourense, daquela presidida por Pedrayo, tivo a visión de mudar os panos das dúas mesas. Ademáis falouse de seguir pagando polo tempo xogado. pouco a pouco creouse un ambiente de xogo, que animou a outros coma Eloy a pasarse pola sala de billar. Sempre se facían referencias aos anos dourados do billar no Liceo, daquela recuperamos fotos, recortes de prensa, revistas, restauráronse as taquilleiras e establecéronse unhas normas para poder xogar.

O billar sempre foi un referente en Liceos e Casinos de todo o Estado. Mentres era mal visto, polas súas connotacións negativas mostradas no cine, nuns ambientes certamente disolutos, ateigados de tabaco, apostas, drogas e alcol, nos Liceos dábanlle un perfil diferente ao socialmente tolerable pero rexeitable. Así volvendo ao noso relato, hai que dicer que un bo xogador do Carballiño, Rodiño, faise socio do Liceo e comeza a xogar con moita ilusión, baixo as directrices de Lozano. o mestre de todos. No ano 2018, uns bos amigos, Barbosa e Soto, pasan a integrarse na familia de billaristas. Outros seguirían o seu camiño, entre eles, Raúl, Ramón, Carlos, Higinio, Maximino, Paco, Jaime, Pepelino, Luis e Cho. Todos eles encheron de vida o Liceo de Ourense e principalmente, a sala de billar. Lonxe fica o 1 de marzo de 1989, no que 8 xogadores (modalidade libre), competían no Campionato Galego celebrado no Liceo, baixo o patrocinio do Banco Bilbao Vizcaya, e aínda máis alá queda o 21 de maio de 1987 no que celebrou o Campionato Nacional de billar.

Desde logo hai unha excelente oportunidade para desenvolver unha afición sana e satisfactoria, que ten moito que ver coa destreza e nunca están de máis coñecementos de fisica e matemáticas. No mes de novembro tivo lugar o primeiro “ I Campionato de Billar do Liceo de Ourense” desta nova temporada, e xa se pensa en programar o seguinte. Unha opción maís para os sócios do Liceo, os liceistas. No corazón da cidade das Burgas, nun palacio do século XVI dos Oca-Sarmiento.

Te puede interesar