Opinión

O silencio

Falar do silencio sempre foi un tema complexo, pois dentro dos diferentes tipos hai varias categorías. O silencio pode ser concesivo ou ofensivo, prudente ou innecesario, sabio ou perigoso, pero en todo caso xera unha incertidume transitoria. Cando algo alguén cala, nunca sabemos o que pensa e a súa opinión non aporta nada de nada ao seres de todos descoñecida. Con todo, “sean tus palabras mejores que tu silencio; de lo contrario , calla”, dicía Dionisio el Viejo, porque as palabras impropias levantan muros de separación, barreiras para a convivencia e continxencias dentro de institucións de recoñecido prestixio. Neste caso quixera referirme ao anuncio que fai a RAG (Real Academia Galega) de non prolongar a candidatura de Carvalho Calero un ano máis. Despois dun silencio sospeitoso, as peores previsións fixéronse realidade. Alguén podería pensar que Carvalho Calero tivo mala sorte durante a súa vida, e que agora seguirá sendo un grande descoñecido entre os galegos. Penso que a pesares de toda esta pandemia, que tamén paralizou o mundo das Letras Galegas, non puido vencer ao homenaxeado do 2020. A poesía do autor foi musicada por algúns compositores serios. A banda deseñada coa súa biografía foi todo un fito e os esforzos por dar a coñecer a súa obra tiveron moito éxito. As publicacións non faltaron e as conferencias e exposicións están en marcha. Faltounos restaurar o valor social que lle faltaba a Carvalho Calero, pero as súas teses galegas floreceron en Portugal; como defensor de que galego e portugués son a mesma lingua. En fin, o silencio de privalo outro ano de festexos e homenaxes é un erro. E aínda están a tempo de rectificar.

Hai outros silencios de actualidade, que baten forte nos nosos ouvidos. Na nosa cidade hai algúns que xa están preparando o famoso bono dos 50 euros para hostelería, con fin de venderllo ao veciño por 20 euros. Pois o que non ten custo non se aprecia. O que si se percibe é a improvisación do microgoverno local cos hosteleiros (que tamén están divididos entre eles), pois a ordenanza de terrazas sigue vivindo un silencio administrativo intolerabel. Fixeron algo así cos libreiros e cada sector ten as súas características específicas. Pensan que de noite, todos os gatos son pardos e seguiremos nunha “longa noite de pedra, sine die”. Un silencio parecido ás reunións no Liceo dos partidos da oposición, que falan e falan gardando o que non pode ver a luz pública; esto é, as divisións que os une e a caducidade das ideoloxías que á algún deles describe e define. Pero o silencio de maior interés é aquel que acontece para non incomodar. Calar de amor. Se amamos, non somos quen de decir palabras que poidan ferir ou atacar a ninguén . Ese silencio otorga sempre a capacidade de crear uns niveis de confianza moi altos e chegaremos a transmitir eses mesmos valores, a aqueles que se relacionen con nós.

O silencio tamén forma parte da música. Hai momentos no que ese silencio chega a encher todo o espazo sonoro que tanto nos agrada. Lembro a III Parte , escena IV, movemento nº 54 do oratorio de Haendel titulado “ O Mesías”, é o silencio anterior ao amén final. Ademais de alongar o silencio cun calderón, rompe o compás e finaliza nun adagio formando o acorde de re maior completo, na súa primeira inversión. Inolvidabel. Pero non imaxino despedir este relato sen decir nada ou sen suscitar un debate persoal. O silencio sempre ocupa un espazo: un lugar na escrita, un tempo na música, unha cor na pintura, un equilibrio na danza e no peor dos casos, unha ausencia na comunicación, unha relación rota, unha amizade perdida nun tempo que non volverá. Se agora, nestes tempos nos que nos podemos relacionar pouco, queremos escoitarnos a nós mesmos, é probabel que botemos en falta a opinión dos demáis. E iso será un bo síntoma de que transitamos por camiños plurais, considerando e respectando aos demais.

Te puede interesar