Opinión

O tempo

Todo ten un tempo. Tempo bo e tempo ruín. Tempo de sementar e tempo de recoller. Tempo de guerra e tempo de paz. Por outra parte, parece que os tempos malos tardan máis en pasar que os tempos bos; e aínda que sabemos que duran igual, non son o mesmo. Iso fai que lembremos aquelas aulas nas que o mestre era unha delicia e a hora pasaba moi rápido. Por outra parte estaban os profesores que non preparaban as clases, e aquelo era interminábel. E os tempos pasados, que nunca foron mellores que os presentes nen serán, seguen a estar vivos nas nosas mentes como unha realidade non virtual.

Son estos tempos de cambios os que deixan unha profunda pegada nas familias e na sociedade. Primeiro a pandemia, logo as crises económicas e finalmente os conflitos internacionais. A incertidume viaxa con nós e os refuxios son escasos ou nulos, por iso os valores nos que as persoas queren descansar, enchen o que poden encher, até que as certezas agroman coma solucións transitorias a outros tempos que virán. Lembro con nostalxia aqueles que xa pasaron en nós e deixaron a súas obras como expresión propia dun tempo ateigado de senrazón. Coa advertencia de que todo o que acontece pode volver, e coa ensinanza de que o se ofrece sen custe, sae case sempre, moi caro. Moitas ideas teñen a virtude de ser moi boas e ao mesmo tempo moi difíciles de que a sociedade tome mau delas. Por iso, cando son impostas, perden a condición de positivas e, co seu carácter impositivo, fan estragos. Non porei exemplo ningún, porque calquera pode pensar sen esforzo nos extremismos que agora petan con forza para gobernar nos Parlamentos dalgúns países europeos. Creo que se algo temos aprendido pola pouca historia que nos chega, é que depende de nós que nos deixemos enganar por discursos populistas que fan moito ruído, e dos que queda pouca sustancia. Os cidadáns queren liberdade e igualdade de oportunidades. E iso nunca pode estar garantizado por ninguén. Pero nestes tempos, ben podemos saber de quen nada se pode esperar.

A sabiduría dos pobos está en sementar para o futuro. Case sempre escoitamos que hai que viver o presente e deixarse de lerias. Nada máis lonxe da realidade, pois herdamos o que outros foron, e sufrimos as decisións dos que noutro tempo nos gobernaron. Esa é a razón pola que non debemos afastarnos da vida política, e influir nela por camiños de educación e respeito. Porque ao final, como decía Serrat parodiando a Machado “todo pasa y todo queda, pero lo nuestro es pasar haciendo camino...”. Cada tempo trae un reto que forma parte da nosa responsabilidade como individuos, coma cidadáns e tamén como familias. E non queda outra que afrontalo con dignidade.

Te puede interesar