Opinión

Os plenos do concello de Ourense


Vanse cumprir catro anos nos que o governo desta cidade ten mudado como un camaleón, segundo a cor necesaria en cada instante. Pero esa cor non é para camuflarse dos inimigos, senón para poder cegar aos veciños de Ourense. Vivir nunha cidade así ten o seu morbo, e iso conduce a ser noticia por noticias raras, faltas de respeito e moitos insultos gratuítos. Nunca houbo capacidade intelectual no que insulta! ou en caso de habela, de non quere usala,  resulta moito pior.  Cada día que pasa é preocupante que este modelo se asente na nosa microsociedade, a modo de normalidade, sen ter en conta que ainda que non exista o delito penal, cheiran moi mal as faltas de respeito e o espírito de venganza do ambiente. Por iso a algúns só lles queda soñar que esta situación non se volva a repetir, que os Plenos do Concello de Ourense teñan a función de pór en valor o traballo das Comisións de traballo e que os cidadáns poidan visualizar os avances da xestión política. 

Non me atrevo a facer unha análise en profundidade das razóns de chegares a esta situación. Nen os mellores especialistas lembran cousa semellante (salvo o caso do don Celedonio), nen creo que sexa posible coñecer todas as variables desde fora, poren ao poder repasar con tranquilidade os argumentos empregados polo grupo de governo en diversos temas, teño serias dúbidas que partindo da simplicidade se poida xestionar con eficacia os intereses dos veciños de Ourense. Non vexo humildade nos concelleiros cando teñen que responder algunhas mocións, e todo o Pleno se desmorona cando desde a Alcaldía afirman que ao non ser vinculantes, non son necesarias. Iso é unha carga de profundidade ao sistema democrático, pois entón sobrarían todos os órganos colexiados de carácter consultivo. Habería que suprimilos, pois como as resolucións non son de obrigado cumprimento, habería que eliminar os debates políticos e deixar lugar a iluminados que teñan a cabeza chea de ideas para navegar errantes no complexo mundo da teoría da metemspicose. 

Finalmente non deixa de chamar a atención moitas frases feitas que non son certas. Non podemos esquecer ao pseudo físico-matemático que quería aprender todos os decimáis do número π, que como todos vostedes saben, son infinitos. Buscaba a exactitude absoluta  na medición da circunferencia de radio tres, para tentar calar a boca dos que razoaban cun número irracional. O caso é que quería levar sempre a razón, feito que anula a pluralidade, a convivencia e o consenso. 

Quedan poucos meses para saír ou ficar deste labirinto; por iso, xa estamos en precampaña para pedir que os veciños voten a todos aqueles que potencien aos valores humanos que nos definen como unha sociedade exemplar. Iso será votar con sabiduría. Logo virán os pactos e iso sempre será un misterio sen resolución.

Te puede interesar