Opinión

O rexurdimento cultural da cidade

Hai uns 20 anos que nunha das actividades das desaparecidas “ Jornadas do Ensino de Galiza e Potugal” visitamos a cidade de Benposta. Aínda que as instalacións estaban bastante deterioradas polo paso do tempo, puidemos ver algunhas iniciativas interesantes nas que algúns alumnos destacaron e outros puideron entrar no mercado de traballo. Tamén fixeron un programa de televisión e o director dixo con tristeza: “despois de ter todo estruturado, que fácil é botar todo abaixo nun segundo”. O que acontecera fora moi sinxelo. Aparecera un espontáneo con capacidade de decisión, e botara todo o traballo por terra nun instante. Este feito ficou na miña mente e repítese con máis frecuencia do desexabel. Proba delo é o que acontece coa cultura na cidade de Ourense.

Con independencia dos criterios políticos de cada partido no feito cultural, a sensación de que Ourense ten graves problemas neste ámbito é constatabel. A cidade sobrevive do seu potencial cultural, sen os apoios necesarios, e só observo axudas a través da Deputación Provincial e o seu Centro Cultural. Por outra parte están as Fundacións ( non as vou citar para non esquecer ningunha) e o Liceo de Ourense que continúa a súa campaña de captación de socios, e sigue sendo un exemplo de xenerosidade e compromiso con Ourense. A deriva cultural comezou coa supresión de programas, actividades anuais ou espazos para o desenvolvemento da cultura (sobre todo de novos artistas locais), que a día de hoxe será complicado recuperar. Moitas actividades que tiñan moita afluencia de público foron eliminadas, nun segundo. Por iso enumerar as desfeitas acontecidas e capitaneadas polos responsables políticos so reflicte a incapacidade de xestionar os servizos públicos que os cidadáns precisan. Con todo, a esperanza é o único que debera permanecer no tempo, co desexo de que o rexurdir cultural agrome do governo elexido pola maioría dos ourensanos.

O rexurdimento do galego e un período no que a nosa língua voltou á literatura. Tanto Rosalía de Castro como Pondal e Curros, fixeron a miragre de por en valor o tesouro agachado nas aldeas, pobos e parroquias. De igual modo os escritores, pintores e músicos de Ourense poden rexurdir das cinzas nas que sobreviven moitos deles. Non hai que valorar a rentabilidade cultural como se fose un negocio lucrativo. É posible que ninguén creara unha empresa con semellantes custos, pero as administacións públicas están para xestionar o diñeiro de todos, para dar servizos e dentro deses está a cultura para as persoas. 

Non podo esquecer cando comezou o esmorecemento do Concello. A cidade ficou triste e segue afundida no abandono en moitísimos ámbitos. Tamén no cultural. Daquela, unha nena de 8 anos dixérame: “ Foise Ana Garrido?, pois van acabar coa cultura, xa verás”. En poucos meses cumpriuse o pior dos pronósticos, pero iso non quere dicer que non poidamos rexurdir con máis forza que nunca. Esperamos unha etapa mellor.    

Te puede interesar