Opinión

Ser orixinal

Aengranaxe social na que vivimos non deixa de sorprender. Nestes momentos existen todo tipo de argumentos para analizar a situación actual e curiosamente xa non temos as necesidades que tiñamos hai un mes. Até hai moi pouco tempo a actualidade mandaba nos medios de comunicación. Hoxe a actualidade sigue mandando pero está focalizada nun tema monográfico que todo o mundo comprende. Maiormente os doentes e familiares doutros que xa finaron. E finaron sos. Porem xa non hai inmigrantes que fuxen dos seus países da miseria, non hai pateras, nen refuxiados da guerra de Siria. Tampouco hai contaminación atmosférica na escombreira de Zaldibar, nen son noticia as mulleres que sofren a barbarie machista. Agora son heroes os médicos e o persoal sanitario, os Corpos e Forzas de Seguridade de Estado, e até o Exército. Coma se antes non fosen heroes. Tamén os mestres e profesores son moi apreciados (non direi a razón), e xa non se di que teñen moito tempo libre, como se antes de todo isto fosen parásitos sociais.

A hipocresía desta sociedade maniféstase nos modelos económicos que a sustentan. Cando os bancos quebraron e todos foron cara o seu rescate, pois doutro modo a superestructura corría un risco inmenso, despois ningún deles devolveu o diñeiro. Foi a fondo perdido. A día de hoxe son os propios bancos os que flexibilizan, polo menos en España, os créditos para que haxa liquidez no mercado. Perderán coma perdimos nós?, pois non. Non teñan pena. Mais salvaranse de poder ser supostamente intervidos polo Goberno de esquerdas. E así estamos condicionados nas circunstancias que nos asedian. Por iso algúns creen que para ser orixinais, so fai falta decir unha barbaridade, saltar un control policial, meter un “bulo” polas redes sociais ou ir cazar pokémones. A orixinalidade de tratar temas importantes que non son noticia non vende, ao non ten importancia para a inmensa maioría das persoas.

Cando un amigo me pedía que escrebera un artigo, escoitaba ao mesmo tempo unha voz solapada polo teléfono, que suplicaba que non fose sobre o bicho que nos trae a cabeza tola. Por iso busquei na rede dous intérpretes dunha sonata de piano de Beethoven titulada “Patética”. Un deles é máis coñecido ca o outro, e mentras escoitaba ao dous, pensaba canto perdemos ao seguir aos famosos e desprezar aos humildes. Seguín na procura dos mellores pianistas do mundo e mesmo dos violinistas, e resultou que faltaban os tiñan que estar. E case sempre acontece o mesmo con todo. Leemos ou valoramos o que está de moda e esquecemos o que enriquece. Penso, que saber encher a mente é doado poren o máis difícil é recoñecer que é o que nos pode facer medrar como seres humanos. E nunca poderemos reflectir valores sen coñecer e potenciar en nós as artes, que nos elevan a unha dimensión transcendente e a un entorno tan descoñecido como insólito. Pero tamén existen outras vías. Podemos ser orixinais sempre que poñamos en valor as xerazóns que nos precederon, escribindo a súa historia e aprendendo do seu esforzo por levantar o noso país. A iso chamámoslle patrimonio inmaterial e con todo, cantas historias viven no deserto do esquecemento! Descubrir a tantos e tantos xóvenes que teñen ilusión por seguir construíndo, a pesar de que o futuro que nos espera non sexa o mellor, é un potencial que non podemos esquecer. E deste modo, cadaquén no seu posto, deixando o superfluo e atendendo ao orixinal, seguir adiante para ser ese gran país que nos dín que somos, e no que aínda non acreditamos.

Te puede interesar