Opinión

Sorpresas esperadas

Din que cando algo é unha sorpresa non se pode contar. Deixaría de ser sorpresa. Por iso no título de hoxe existe unha pequena contradición que ben pode chamar a nosa atención. Unha sorpresa non se espera, e se alguén a coñecese, facilmente podería ser descuberta e estragada. A sorpresa é un recurso que os mestres e profesores empregan con periodicidade cos alumnos. Sempre é coma un premio ou incentivo para que os nenos ou mozos estean motivados a se esforzar por un obxectivo concreto. Existen moitos exemplos pero cada día o docente ten que deseñar unha sorpresa nova se quere manter a atención e o interés. Non podo esquecer a un dos grandes mestres que tivo esta cidade das “Burgas desfeitas”, na escola da Anexa, a D. José G. Caseiro, que cada día traía unha desas sorpresas, e que dinamizaba as clases con poemas, cantigas, frases e refráns etc. E todo isto ten moito que ver co espectáculo que estamos a observar. Vaiamos por partes.

No periodo de confinamento desde o 14 de marzo ao 21 de xuño de 2020, houbo moita incertidume e dor polo ataque do SARS-COV-2. A todos nos pillou por sorpresa. Porén a sorpresa esperada foi cando nos meses de verao pouco se fixo para prepararnos para o outono. Nen as Comunidades Autónomas tomaron medidas, reforzando o persoal sanitario,nen nos colexios e institutos invertiron os meses de verao nun traballo útil. Así, logo apareceron os surtos do virus e para todos foi unha sorpresa esperada. E nesas estamos sen saber ben como vai acabar todo isto.

Mudando radicalmente de tema e centrándonos no Concello de Ourense, a sorpresa xurdiu cun Alcalde que fixo unha campaña agresiva (aproveitando o bloqueo existente), cun partido político que foi escalando, pouco a pouco, con risos e parodias, nun canal de televisión local. O que primeiro podía ser “letal para a cidade” transformouse en “ideal”, con tal de gobernar. E a sorpresa que todos esperabamos, era que o pacto rachara en calquera momento despois das eleccións Autonómicas. E nesas seguimos.

Non quero imaxinar ningunha outra sorpresa esperada. Normalmente feden e son difíciles de soportar, ao perder a súa esencia innata. Pero por otra parte, pensándoo ben, ( como fan os que teñen máis experiencia), os experimentos sen control poden explotarnos na faciana e deixarnos un tanto tullidos, e iso sí que sería unha sorpresa das boas. Contan que cando Edison inventou a bombilla incandescente, aconteceu de súpeto un incendio no seu laboratorio. Non quedou nada de nada, e seica lles dixo aos seus: “ ¡a que nunca habíais visto un incendio tan grande!”. Esperemos non velo na nosa ciudade, nen nos nosos montes, nen noso país. 

Te puede interesar