Opinión

Xornada histórica no CEIP do Carballiño

Este mércores día 23 de xaneiro de 2019, os país e nais do CEIP do Carballiño votarán a xornada única que hai pouco máis dun mes solicitaron maioritariamente. Daquela, un 75% do total do censo de pais e nais expresaron libremente o seu desexo de que a maratoniana xornada actual mudase, como na maioría dos colexios das vilas está a acontecer cada curso. Así, nunha xornada de votación que non era vinculante, e a pesar do seu carácter consultivo, tivo os seus efectos. Contratáronse novas liñas de transporte e convocáronse dúas votacións, esta vez vinculantes e decisivas. Unha para os mestres e outra para as familias. Só falta que as familias, nai ou pai, vaian votar o mércores desde as 10:30 ás 20:00 h, pois precísase que o 58% do censo vote a favor da xornada única.

A xenerosidade de todos tamén quedará exposta nesta xornada histórica. Xa levan loitado desde hai máis de 15 anos e os alumnos dos cursos que deixarán o centro este curso xa non poderán desfrutar deste novo horario, porén o voto das súas familias tamén é necesario. Esta xenerosidade tamén afecta a algúns docentes que se xubilan. A súa memoria ficará na mente de todos os que gocen desta oportunidade; de que os discentes se estendan a outros ámbitos ademais do estritamente académico. A xornada única permite aos alumnos atender nun tempo racional ás áreas artísticas e deportivas que queren desenvolver. Tamén poden fomentar o coleccionismo e potenciar as relacións familiares ao dispor dun horario mellor estruturado.

Lembro varias xornadas de importancia neste CEIP do Carballiño. A exposición itinerante de filatelia de Correos co primeiro selo do mundo entre outros, a exposición de oficios e obxectos dos tempos pasados, os desfiles do Entroido ou as actuacións musicais no multifuncional con 180 nenos e nenas de Infantil cantando as panxoliñas no Nadal e tocando os instrumentos Orff. Non podo nin quero esquecer a ilusión que cada ano as mestras e os mestres reflicten por innovar en novas tecnoloxías sen esquecer os xogos tradicionais e materiais manipulativos. E entre tantos éxitos, a xornada deste mércores non ten comparación, pois abrirá un camiño novo para as novas xeracións. Só resta desexarlles unha feliz xornada histórica a toda a Comunidade Educativa dos tres edificios que compoñen o CEIP “Calvo Sotelo” do Carballiño.

Te puede interesar