Opinión

Amizades de fume

Desde sempre se soubo que os amigos son tan escasos como o verdadeiro amor. E todo ten que ver. Os valores da amizade son habitualmente malentendidos e peor interpretados. Lembro algunhas manifestacións de persoas coñecidas que berran con vehemencia que a auténtica amizade é a que eles conciben, coa indiferencia de familiares e coñecidos. Os demáis son traidores pois non comulgan coas súas ideoloxías ou non seguen cegamente os seus obxectivos megalómanos. Así, o que inicialmente puidese parecer lóxico, resulta ser un contravalor común, xa que a inmensa maioría dos ególatras patolóxicos esquecen que o vínculo perfeito da amizade é o amor. Decía R. Takur que a amizade resplandece na oscuridade, esquecendo que o amor non é fachendoso e non só debera alumear o corazón do amigo. Reflicte a todos, sendo un exemplo aos demáis. As necesidades persoales son compartidas por amor e as faltas do teu amigo non as escrebes sobre a area da praia, como lín nalgunha ocasión, porque non se teñen en conta, e pronto fican no esquecemento. Deste modo, unha amizade perdida por numerosas causas, nunca debera ser motivo de traizón. Como di o refrán galego: “O segredo do teu peito non llo digas ao teu amigo, porque a amizade morre e logo serve de testigo”. Se algunha vez houbou unha verdadeira amizade, os valores da lealdade e o respeito, deberan estar sempre presentes.

Segundo o lugar que nos toque vivir, podemos toparnos con varios modelos de amizade. A real e a etérea. Da primeira xa temos falado, pero da segunda parece que a ninguén lle interesa opinar. Quizais sexa para non meterse en líos. Quen sabe! Pero entrando en materia, o lugar de residencia pode ser determinante para identificar, con pouco esforzo, aqueles que son amigos de comenencia. Por exemplo, en Ourense, cando algún escritor, pintor, músico ou intelectual morre, agroman amizades que nunca antes chegaron a ter relación coa persoa. En términos coloquiais dise que ser amigo do finado “aumenta a sona persoal”. Até é posible que chegaran a ser contrarios en todo, e agora fanse abandeirados dunha amizade profunda. Estes amigos semellan ser como os cogumelos; aparecen e desaparecen en función da oportunidade que lles poida traer maior beneficio, sendo parásitos sen rumbo fixo e sen decatarse que xa non poden enganar a ninguén, aínda que queiran parapetarse nun pseudónimo, ou en conversas forzadas con persoas que os aturan por simple educación. Para todos eles vai o meu sentimento de lástima. Ademáis de ser pallasos espontáneos, son motivo de centos de conversacións graciosas que algún día haberá que recoller nalgún libro.

As Letras galegas deste ano, adicadas a Carlos Casares, fíxome reflexionar. Carlos tiña moitos coñecidos e outros tantas persoas que o apreciaban como escritor e como persoa. Observei que algúns dos que falaban del cumplían todas as características dos “amigos de fume” . Os que lle tiñan envexa da súa capacidade de liderar un debate ou unha tertulia, presentábanse en homenaxes e vivían o seu minuto de gloria, aportando pequenos detalles de encontros con Casares. As amizades de fume so deberan servir para afumar os chourizos na matanza. Pero deses lugares de traballo tamén escapan. Temen que lles chegue o seu San Martiño antes de tempo. Así, calquera que se sinta identicado con este relato, cumprindo os parámetros da amizade etérea, aínda está a tempo de mudar de actitude. Os outros, xa non teñen arranxo.

Te puede interesar