Opinión

A gala do turismo e gastronomía galega

Non hai moitas semanas falabamos dos camiños gastronómicos no Carballiño. E hoxe, con motivo da gala de turismo e gastronomía organizada pola revista HG&T e coa colaboración do Concello e o Inorde, seguimos a falar da Vila do Arenteiro. Nesta ocasión, pasado un lustro da última gala, pasados varios anos de avaliacións, chega o tempo dos premios, agasallos e recoñecementos. Así, no Auditorio multifuncional do Carballiño, o martes 21 de marzo, tivo lugar o esperado evento, que superou a máis optimista das previsións.

Hai que destacar a gran variedade de produtos e unha organización de excelencia. Do mesmo xeito, os medios de comunicación de toda a Comunidade Autónoma, deron a coñecer o evento. Quizáis para outra ocasión non estaría de máis que a gala estivese chea de música en directo, humor, poesía ou imitacións que amenicen a entrega de diplomas e recoñecementos. 

A gastronomía tamén forma parte do patrimonio cultural galego. Unha parte fundamental da idiosincrasia que debe ser valorada e potenciada. Os caldos galegos son un referente para o turismo, que tamén recibiu premios importantes e que, xunto coas augas quentes, supón un recurso aínda por explotar e explorar. Carballiño é terra de bo comer, e con independencia dos galardoados, todos e cada un dos participantes poden sentirse gañadores, pola calidade que esixen a cada un dos seus produtos. O alcalde da vila, como bo anfitrión, agradeceu a todos os asistentes a súa visita e o apostar polo Carballiño como lugar estratéxico para este evento. Deste modo rematou a primeira parte. Despois uns viños e moito que compartir entre profesionais e amigos da terra.

Unha tarde fermosa no inicio da primavera na Vila do Arenteiro. Punto de encontro e cruce de camiños de arrieiros.

Te puede interesar