Opinión

O día da poesía con Ananín

Cando coincido con Eduardo González Ananín nalgún dos inumerabeis actos de poesía desta cidade sinto unha inmensa alegría. Sempre saúda con moitísimo agarimo. Ola querido! Cando nos coñecimos no ano 1991, nun taller mecánico, comezamos a falar de poesía. Da súa poesía rotunda e que é quen de destapar as miserias humanas e a inxustizas sociais que perduran polos séculos. Pasaron só uns meses e Ananín agasalloume co seu libro “Tierra compartida”, publicado en Buenos Aires en 1985. A súa dedicatoria deixou unha pegada moi importante na miña vida ao sorprenderme coa definición dos seus poemas “… esta mi radiografía espiritual”. Nunca escoitara tal cousa e sentín que Ananín abría a súa mente, corazón e espíritu a todos os que tivesen a mesma meta. Mudar a sociedade e denunciar aos das castas superiores.

Polos mesmos anos 90, o grupo Dolmen, no que estaba Eduardo, Manuel Blanco Luís, Teresa Devesa e outros, compartía escenarios co Movemento de Renovación Pedagóxica “Escola Viva”. Poemas de Ananín estaban en ambos grupos nos que Manuel Blanco colaboraba con Concepción Camiña e José Manuel Pose. Nesa altura todos eran a promocionar a poesía, sen competicións absurdas que sempre dividen e desaniman. Eduardo vivía a poesía como elemento transformador. E creo que esa xerazón aprendeu as leccións que Manuel Luis Acuña lle ensinou a Eduardo de neno. Para descubrilo so temos que ler “Firgoas”.

Hoxe poderemos compartir un tempo con Ananín, no salón noble do Liceo de Ourense. Un día da poesía que perdurará no tempo. Porque cada día é un poema fermoso de vida, cheo de esperanza e cargado de emocións.

Te puede interesar