Opinión

O peregrino

Hai algúns anos que lin un clásico titulado “El progreso del Peregrino”, do que é autor John Bunyan (1628-1688). Este título destacou sobre os 60 libros que escribiu, e aínda que tentaron sacalo de circulación no seu tempo, chegou a traducirse a máis de 100 linguas distintas. O escritor era latoeiro de profesión, mais houbo un momento da súa vida na que decidiu dedicarse a difundir a lectura da Biblia no século XVIII. Acollido por unha igrexa pequena de tan so 12 crentes en Bedford, ocupouse nunhas prédicas que eran contrarias ás comúns, en materia de soterioloxía (doutrina da salvación). Por este feito caeu preso 12 anos e nese tempo escribiu o libro do que estamos a falar. Trátase da alegoría dunha viaxe dun cristián á súa morada celestial. Así, móstranos que non é un camiño sinxelo, pois existen moitas dificultades para os que queren seguir con fidelidade este estilo de vida. 

Todo esto veu ao meu maxín cando vin que os medios de comunicación falaban da peregrinaxe a Portugal de Jorge Mario Bergoglio, xefe do Estado Vaticano. Coñecido polos seu fieis como papa Francisco, de formación jesuíta, está máis próximo que outros aos máis necesitados. Ademáis está a destacar polas reformas na Curia e sorprende a súa aparencia humilde con xestos avalados polo seu pasado. Con todo, as achegas que fai a outros grupos confesionais son moito menores dos que algúns esperaban, O carácter Mariano e a súa visita a Fátima abren un abismo entre as celebracións do V Centenario da Reforma e Roma. É moi probable que quixeran minimizar o impacto ao facer unha visita de poucas horas ao santuario, pero por outra parte, os católico-romanos sinceiros non deixarán de queixarse por algún tempo de que no Centenario da suposta manifestación de María en Fátima, os actos oficiais estén ausentes. Como compensación para os seguidores, o protocolo de canonización tamén sufrirá unha excepción que os portugueses han de celebrar: soben aos altares a dous irmaos que tiveron a visión mariana, todo elo fora da Basílica de San Pedro, como viña sendo habitual. Demasiadas modificacións xuntas!

Estes son algúns dos motivos polos que nunca poderá haber unha unión entre as grandes controversias suscitadas desde hai moitos séculos, e concretadas na Reforma de Lutero e Calvino, ente outros moitos. O progreso do peregrino de Bunyan nada ten que ver coa peregrinaxe de Bergoglio, aínda que ambos empreguen o mesmo substantivo. Na alegoría, o peregrino non é deste mundo e busca unha morada eterna. Nos próximos días “o peregrino” visitará un ente inanimado e admirado. Pero chegados a este punto queda a grandiosa oportunidade de elixir en liberdade. Desde o respecto e a tolerancia. Desde as evidencias en quen acreditar. Esa dicotomía mora nos corazóns dos homes, e aínda que algúns tentan aplazar a decisión, en ningunha relixión toparán a resposta axeitada. So Deus pode encher ese baleiro de incertidume e insatisfacción. Por iso os agnósticos e ateos tentan buscar a Deus cando xa non hai saída. 

Te puede interesar