Opinión

O Parlamento galego e Carlos Casares

Na derradeira semana do mes de novembro tivo lugar outro acto de homenaxe a Carlos Casares. E non lembro que ninguén fose tan homenaxeado coma el. O propio Parlamento de Galicia quixo sair da súa sede, e no Liceo de Ourense, recuncho amado de Casares, organizou un acto entrañabel, que se encheu de amigos de diferentes pensamentos e ideoloxías. Como diría Marcos Valcárcel, Carlos estaría escoitando entre os presentes, cun sorriso nos beizos, vendo a tantos compañeiros escritores, parlamentarios, editores e amigos sinceiros que lembraban a súa obra e a súa persoa.

Nos discursos de Javier Casares, Víctor Freixanes, Ramón Villares, Manuel Baltar, Román Rodríguez, Jesús Vázquez, Hâkan Casares e Miguel Santalices, puidemos observar a fonte inagotabel que era Carlos. A maioría soubo encontrar algunha anedota descoñecida, e todos tiveron palabras de afecto que afondaron nunha persoa que sementou a súa vida, pensando sempre nos demáis; defendendo e crendo nas institucións como medio para convivir nun país rico en diversidade e cheo dunha sabiduría que ninguén coma el soubo descubrir nas xentes dos pobos, nos contos dos veciños e nos máis humildes e sinceiros. E todo iso expresa unha esperanza para a nosa nazón e para a nosa lingua maltratada e descoidada. 

O acto tivo varios finais. O primeiro foi co discurso de Miguel Santalices, presidente do Parlamento galego; o segundo, co himno galego, e o terceiro cun ágape na sala de tertulias do Liceo, no que as conversas plurais reflectían o carácter de Casares de traballar xuntos por facer pobo, lingua e nazón. Penso que non existe maior riqueza que a liberdade de dialogar, de compartir ideias que respeitan aos demáis e de expresarse sen censura. Por iso, o esforzo que fai o Parlamento de Galicia de abrirse aos demáis é un paso adiante no que debemos acreditar. Agora toca agardar como van regular esa participación, pero estou seguro que será o comezo de botar a andar moitas cousas que seguen pendentes. Entre elas a reforma do noso Estatuto de Autonomía.

O ano xa acaba coma comezou. A Fundación Carlos Casares, que preside o benquerido Javier Casares, recolle todos os artigos, libros, documentais e eventos relativos ao homenaxeado. Todos han ser os mellores e ningún poderá destacar sobre os demais. Cada iniciativa chea de sinceridade será outro logro máis no patrimonio do noso escritor.

Te puede interesar