Opinión

Recuperando o noso

No libro das horas de Vicente Risco topamos dous artigos que falan da vaca. Este animal tan cercano nas aldeas de antes é agora un descoñecido en moitas delas, e non só pola falta de poboación, senón polos cambios estruturais da explotación gandeira. Neste sentido a Federación de Razas Autóctonas de Galicia-Boaga traballa por promover as razas propias do noso país: Cachena, Caldelá, Frieiresa, Vianesa e Limiá. Coa crise do SARS-CoV-2 numerosas xornadas, feiras e actividades programadas tiveron que ser adiadas, e o prezo da carne caeu moito. A situación de moitos gandeiros é moi complicada e aínda que as axudas son escasas, o ánimo e o amor pola natureza destes heroes fai que sigan adiante no obxectivo de recuperar estas razas autóctonas. 

Nunha visita a Escuadro falo co vicepresidente da asociación e móstrame os montes da Teixeira nos que xa quedan poucos pastos. Ese día, a neve vestiu as aldeas e pintou os camiños, impedíndonos chegar a algún dos destinos previstos, pero puidemos disfrutar dunha clase maxistral sobre as razas autóctonas, sabendo que a pasión pola Terra fai que as cousas máis complicadas vaian adiante. Tentarei explicarme mellor. As razas Caldelá e Cachena non chegan ao estándar dos 180 kg. Esto quere dicer que os prezos son máis baixos. Os carniceiros non poder obter o mesmo número filetes que noutras razas, e loxicamente, buscan a rentabilidade. Pero tamén hai que ter en conta de que a calidade da carne non ten comparación. É moito mellor a do país e a xente demándaa en restaurantes especializados. Ademáis, se os animais están ben saneados, non teñen problemas sanitarios. Cando a unha Rubia lle sacan seis partos, a unha Caldelá poden sacarlle até 15 partos. Por ser autóctonas, adáptanse mellor ao medio e poden vivir con chuva ou con neve. Unha verdadeira maravilla.

 Observo con interés a revista que edita a asociación titulada “Autóctonas Galegas”, e descubro que ademáis de vacas promoven razas de pitas, porcos, cabras e ovellas. Nela leo un artigo de que a raza galega véndese máis que a raza Rubia e éncheme de orgullo saber que as nosas razas baten forte no mercado. A asociación “Boaga” tamén ten moito que agradecer a iniciativa pioneira en Fontefiz. Alí asesoran a gandeiros desde hai moitos anos, apoiándoos cando os recursos económicos son limitados. Xa nos anos 80 os alumnos do instituto “Blanco Amor” de Ourense visitábamos as instalacións coa profesora de ciencias, e ningún de nós puidemos esquecer aquela experiencia.

 De volta fomos xantar a Maceda e comemos carne ao caldeiro das vacas criadas nos montes galegos. Un pracer ao que non debéramos renunciar nunca. Para iso hai que creer no noso, potenciando os nosos montes, as nosas razas e os produtos da nosa terra.

Te puede interesar