Opinión

Algúns nomes das rúas

Impreciso plano de Ourense (J. Casamajó).
photo_camera Impreciso plano de Ourense (J. Casamajó).

Examinando antigos planos de Ourense aparecen, milagrosamente conservados, os nomes dalgunhas rúas e prazas. A cartografía completa máis antiga que coñecemos da cidade, é a de Francisco Coello, que representa o núcleo urbano na primeira metade do século XIX. Máis impreciso é o da imprenta Casamajó, de Barcelona que, editado en 1905, debuxa unha cidade probablemente tan antiga e moito menos precisa que o anterior.

Con respecto ao cambio de nomes das rúas, asunto que levan estudado varios investigadores, sobre todo o profesor Afonso Monxardín, debemos ter en conta que as denominacións actuais non conservan a toponimia histórica que, doutra parte, tamén foi variando. Quizais o cambio de nomes xeral máis notable, fóra de mudanzas de denominación puntuais, deuse en 1850. Ocorreu despois dunha sesión municipal a proposta dun concelleiro zamorano, de Mombuey. Para el, a toponimia urbana era “...ridícula y contraria al buen gusto y adelanto de la época” e ademais “...muchos nombres estaban en gallego...”. Así o recolle J. Adrio Menéndez no seu libro “Del Orense antiguo (1830-1900)”, aínda que o escritor e xornalista utilizou como fonte un testemuño oral, e non a acta da sesión municipal. Noutras ocasións xa lles alertaba sobre os perigos de mudar a toponimia, os nomes dos sitios, sobre todo porque tales denominacións soen facer referencia aos vellos usos deses espazos ou ás súas características. Na cidade histórica, a información que proporcionan os planos que se conservan, independentemente como xa vimos da calidade dalgún deles, xunto coa máis importante que procede dos documentos medievais, permítennos rastrear nas antigas denominacións de rúas e prazas antes das actuais. Deste modo, e como exemplos desa toponimia urbana que se utilizou ao longo das idades medieval e moderna, podemos ofrecer  algúns nomes que seguramente lles soarán: a rúa das Chousas era o antigo nome da rúa da Liberdade -e no intermedio, rúa do Cárcere-, a do Penso é a actual Pelayo; a da Travesa é a de Dous de Maio; a da Fontaíña é Cervantes; a da Obra, Lepanto; a dos Zapateiros é a da Paz; a Rúa Nova era Lamas Carvajal; a Canicouba, Bailén; a Correaría, Padilla; a da Laxiña é Viriato; a da Escaleiriña, Gravina; a Corredoira, Santo Domingo; a dos Brancos -carniceiros-, o tramo de Hernán Cortés por detrás do Museo Arqueolóxico. E así moitas máis. Entre as máis antigas que temos documentadas contamos coas do Vilar (de 1208) dos Zapateiros (ano 1212), ou as das Chousas e dos Brancos (1222). Unha mostra dos vellos usos pode permanecer a denominación da rúa de San Miguel, antes chamada Pixotaría e contigua da praza do Ferro. O arcanxo era o patrón da Confraría de San Miguel, sociedade que acollía a todas as profesións que utilizaban o ferro. Moitas prazas, tema que non tratamos, tiñan o nome en función da actividade comercial, como a do Sal ou da Leña, por exemplo 

Mais o proceso histórico non se detén. No ano 2007 asistimos á modificacións das rúas da Concordia, antes do Capitán Eloy, e de Santa Eufemia, antes do Coronel Ceano. Se embargo, somos da opinión de que as variacións con nomes propios de homenaxeados, sexan do tipo que sexan, historicamente nos afectan tanto como os que se referían a antigos usos ou describían características específicas dos lugares.

Te puede interesar