Opinión

Ferramentas viaxeiras na prehistoria

Machados de Monte Aberto e Teverga
photo_camera Machados de Monte Aberto e Teverga

O comercio, polo menos o intercambio de produtos e materias primas, foi unha actividade esencial nas relacións entre grupos humanos ao longo da historia. As escavacións arqueolóxicas permiten desenterrar obxectos fabricados en lugares afastados ou con materiais que non existen nas inmediacións dos xacementos, nin sequera nas rexións lindeiras. No mundo antigo está plenamente verificado o comercio de longa distancia gracias ao descubrimento de produtos foráneos. Incluso os pecios -barcos afundidos- e obxectos que aínda dormen baixo as aguas do Atlántico nas costas que rodean Galicia, evidencian a existencia de rutas comerciais marítimas na antigüidade remota. Todo iso non causa sorpresa, porque sabemos de antigas civilizacións que basearon a súa prosperidade no comercio. Temos un bo exemplo nos fenicios, que fundaron colonias no occidente europeo hai máis de 3.000 anos. Convén recordar que Cádiz, a vella “Gádir”, fundada por fenicios tirios -da cidade de Tiro-, pasa polo momento por ser a urbe máis antiga da costa atlántica de Europa, cunha antigüidade que a fai máis que trimilenaria.

As investigacións van ofrecendo datos que confirman intercambios, tanto obxectos como materias primas, en momentos moito máis temperáns, que poderían encadrarse no Neolítico Medio-Final de Galicia, aproximadamente entre o 4300 e o 2500 AC. Lembro unha publicación do catedrático de Prehistoria de Miguel Angel De Blas -que en 1994 formou parte do tribunal da miña tese de doutoramento- e de L. Guillermo Corretgé, sobre unha unha “machada de combate nórdica” que apareceu no lugar de Marabiu, en Asturias, nas proximidades duns túmulos megalíticos. A peza, moi semellante ás exhumadas nos megálitos tardíos de Galicia e coñecida polos arqueólogos como “hacha de Teverga”, foi fabricada cunha rocha chamada cianita. Esta, que incluso se emprega na actualidade como pedra preciosa, procede de canteiras de Touro, moi cerca de Santiago de Compostela. Descoñecemos se viaxou a materia prima ou a peza xa elaborada, pero o certo é que esta ferramenta do IIIº milenio AC, feita con pedra de Touro, aparece en Asturias. Outro exemplo publicado estes días, o proporciona as análises petrolóxicas dunha machada neolítica encontrada hai anos en Monte Aberto de Elviña, na Coruña. Seguramente proviña dun dos tres monumentos megalíticos que existían no lugar e despois destruíu a autovía AC-14, como ben argumenta o catedrático de Prehistoria da Universidade de Santiago Ramón Fábregas Valcarce. O importante desta machada é que o material con que se fabricou, unha xadeíta de cor verde, ten a orixe máis probable nas formacións xeolóxicas de Sanfornt, zona piamontesa dos Alpes italianos.

Ofrecinlles tan só dous exemplos concretos relacionados con Galicia. Pero en épocas e contextos arqueolóxicos semellantes, ao redor do IIIº milenio AC e na transición á Idade dos Metais, nalgúns xacementos da Península Ibérica téñense atopado obxectos e materias procedentes de terras moi distantes: cáscara de ovos de avestruces africanas e adornos de marfil do mesmo continente; tamén con ámbar das beiras do Mar Báltico e con obsidiana das illas Lípari. Eran momentos de grandes mudanzas en Europa, cando florecen novos modos de vida que nos achegan a sociedades máis complexas e con economías máis sofisticadas. Para que os obxectos e as mercancías circulasen por esas rutas de percorrido tan longo, sería precisa unha estabilidade, unha pacificación dos territorios, condición ideal que, evidentemente, non foi constante na historia.

Te puede interesar