Opinión

“Si, podo ver cousas marabillosas!”

Foi a exclamación do arqueólogo Howard Carter cando por fin accedeu á tumba de Tunkamón. O 4 de novembro conmemorouse o centenario do seu descubrimento polo arqueólogo británico. Foi nun contexto histórico que naceu nas últimas décadas do século XIX, cando Europa se expandía por todo o planeta na busca, sobre todo, de materias primas para as industrias e mercados para ampliar a venda dos produtos que saían das fábricas do Primeiro Mundo. Tal estratexia económica, se ben de forma indirecta, deu un forte pulo a estudos de temática diversa, os relacionados coa xeografía e coas ciencias naturais e, por suposto, coas ciencias humanas. Íanse descubrindo novas terras cos seus respectivos e diversos ambientes -climas, faunas e floras- e, como non, xentes exóticas e vestixios do pasado moi diferentes dos que existían en Europa. Nestas condicións é fácil comprender que, xunto con outras disciplinas científicas, se producise un gran avance tanto na antropoloxía como na arqueoloxía.

A política colonial, principalmente de Francia e Gran Bretaña polo leste de África e o Próximo Oriente, aseguraron o control dun territorio que fora solar de grandes civilizacións -non faltas de influencia na historia europea- e máis antigas que Grecia e Roma. Comezan as investigacións en Exipto e Mesopotamia, berce das remotas culturas dos exipcios, sumerios, acadios, asirios, hititas, babilonios, israelitas e outros que precederon ás primeiras civilizacións en Europa. As figuras de Paul Emile Botta e Austen Henry Layard constitúen un bo exemplo de competición territorial que tamén afectou aos descubrimentos arqueolóxicos. Os dous arqueólogos, francés o primeiro e británico -ambos de adopción-, porfiaban en Mesopotamia por atopar cidades lendarias e restos monumentais para nutrir os respectivos museos nacionais. Deste modo, Botta descubriu a cidade asiria de Khorsabab -capital de Asiria na época de Sargón II-, pensando que era Nínive, mentres que Layard, escavaba Nimrud, outra capital dos asirios destruída, por certo, polo Estado islámico en 2015. Pero volvamos co Antigo Exipto. O achado desta tumba real rexistrada como “KV62”, dada a expectación que causou, foi un revulsivo para a Exiptoloxía. Esta xa experimentara grandes avances con Champolion, o investigador que conseguira descifrar os caracteres exipcios da Pedra Rosetta en 1822, tradución chave para entender o significado da escritura xeroglífica. E como non, con Flinders Petrie, escavador de Abidos, Tanis, Naucratis ou Amarna, tamén en Exipto, descubridor da afamada estela de Merenptah. Mentres escavaba Amarna, Petrie titorizou a formación arqueolóxica de Carter. Pero a arqueoloxía non atendeu só a eses territorios tan significativos nin se detivo neles, se non que cruzou os mares. Como mostra, destacamos os estudos sobre a Cultura Maya de Lloyd Stephens, o descubridor do Yucatán ou, xunto coas investigacións de Carter, vémonos obrigados a lembrarlles as de Schliemman en Troia e Micenas ou as de Arthur Evans en Creta, por mencionar as máis próximas a Europa.

Non temos dúbida, como sostivemos tantas veces, que a arqueoloxía é unha ferramenta moi potente para coñecer o pasado, o das grandes e tempranas civilizacións, como as que vimos de citar, e o noso. Reparemos que o mesmo ano que Carter daba a coñecer a tumba de Tutankamón, Florentino Cuevillas publicaba a súa segunda campaña de investigación no castro de San Cibrán de Las. Seguro que el tamén “...puido ver cousas marabillosas!”.

Te puede interesar