Opinión

A proximidade da “gran historia”

Miliarios romanos agrupados na Fonte do Ruco, Lobios.
photo_camera Miliarios romanos agrupados na Fonte do Ruco, Lobios.

Non poucas veces viaxamos a lugares afastados da nosa residencia habitual na procura da historia. Quizais porque buscamos algo distinto do carácter cotián que lle supoñemos ao hábitat do día a día, espazo que presupoñemos farto coñecido e, por extensión, desprovisto de interese. Porque o cremos carente das referencias e dos feitos con que se constrúen os grandes relatos da historia.   

Pero tal cousa nunca é certa. O noso territorio, tanto se é a cidade na que vivimos, como a provincia ou calquera demarcación da que forma parte, sempre está conectada coa “gran historia”. E moito máis do que en aparencia puideramos supoñer. Non quixera remontarme ás etapas da prehistoria, porque están protagonizadas por individuos anónimos, por persoas das que descoñecemos, entre outros moitos datos, as súa identidades e nomes. Aínda así, aparecen as mesmas ferramentas que na maioría dos territorios europeos dende que foron poboados por primeira vez. Compartimos con toda a fachada atlántica os monumentos megalíticos que monumentalizaron as paisaxes culturais neolíticas. Ou aquela “koiné” cultural, tamén atlántica, que se detecta na Idade do Bronce. Pero podémolo ver mellor cando identificamos individuos, os nomes propios que enchen os libros de historia dende a Idade Antiga. E aí está de novo a arqueoloxía para constatalo. O comercio cotiá da época romana facíase coas moedas cuñadas polos emperadores que xa coñecemos. Cando escavei na igrexa da Trindade, atopei un necrópole datada entre os séculos IV e XVI. As evidencias máis antigas eran ruínas de tumbas romanas. Nunha delas apareceu unha moeda do emperador Constantino II. Era o fillo de Constantino O Grande, e o mesmo que loitou contra sármatas e godos. A epigrafía que mostra a enorme cantidade de miliarios que temos na provincia de Ourense, unha das maiores concentracións de Hispania -España máis Portugal- da conta das antigas calzadas, da construción e reformas efectuadas polos emperadores que aparecen nos libros, e dominaron gran parte do mundo coñecido. Tamén a Idade Media está xeograficamente moi próxima a nós. O primeiro reino altomedieval de Europa foi o suevo de Gallaecia, e Ourense unha das súas cidades. Algúns datos máis que serven de exemplo: séculos despois, no ano 1105, Alfonso VI “O Emperador” nacía en Caldas de Reis. O alcume de “Emperador” ven da súa coroación como “Imperator totius Hispaniae” -Emperador de toda España- o 26 de maio de 1135 na Catedral de León. Foi un dos protagonistas dos feitos que concluíron na de independencia de Portugal, fronte ao adversario Afonso Henriques, primeiro rei do país veciño tras conseguir a independencia. E permítanme outro exemplo en relación co que estou a dicir. Na freguesía de Santa Mariña de Congostro, en Rairiz de Veiga, aínda se erguen as ruínas do que en su día foi o castelo de Celme. Atribúese a súa construción a Afonso Henriques, proclamado en 1143 nada menos que o primeiro rei de Portugal tras conseguir a independencia. Pero o castelo foi tomado polo caldense Alfonso VI, que o mantén para o reino de Castilla e León. 

Cando desfruten do pracer de viaxar na procura das experiencias intelectuais que proporciona a historia, non esquezan que deixan na súa casa outras tantas posibilidades de aprendizaxe como as que buscan nos lugares de destino. A familiaridade pode cegar a relevancia.

Te puede interesar