Opinión

Romanos e cristiáns


O cristianismo ten uns 2.000 anos de antigüedade. Para nós, a civilización europea, esta relixión é moito máis que un compendio de crenzas, credos e rituais. O cristianismo foi quen de construír un sistema de pensamento que transcende o mundo dos dogmas para impregnar os comportamentos sociais dende os primeiros séculos da nosa era. Tal incidencia social lle outorga un valor esencial para que deba ser tratado nos estudos históricos e, como parte deles, nas investigacións arqueolóxicas. De feito, na mesma sección do xornal que agora están a ler, téñolles falado de pezas arqueolóxicas cristiás en Ourense ou no seu entorno.    

A historia do cristianismo evidencia que o seu proceso de expansión e empoderamento foi espectacular. En menos de catro séculos, dende que os cristiáns comezan a visibilizarse na sociedade pagá -a finais del século I e inicios do II-, e o seu recoñecemento legal no ano 313,  acadarán o estatus de relixión oficial o ano 380. Parece que as metas do Estado e da Igrexa conflúen na visión política de Constantino. De feito, non faltan investigadores que cren que o apoio deste emperador debeuse á necesidade de controlar un imperio moi extenso. A expansión do cristianismo experimentara daquela un crecemento considerable, non só numérico, se non tamén territorial. Ademais a Igrexa construíra unha estrutura xerarquizada que facilitaba, unha vez integrada na engrenaxe do poder imperial, ese control. Máis aínda: a adhesión dos bispos ao emperador lexitimaría a figura deste, sobre todo se mostraba unha actitude favorable ao cristianismo. Na última etapa do imperio as funcións dos bispos e dos gobernadores romanos empezan a solaparse e, nos momentos cruciais das invasións bárbaras, incluso a substituírse, sendo moitos bispos os que protexan á poboación ante a incerteza que provoca o colapso do imperio. Doutra parte, para os estudos arqueolóxicos debemos ter en conta que os cristiáns non eran un grupo cultural. Na súa expansión, baseada nun proceso de apostolado e conversión, se estenderon por diversas culturas: xudía, grega, exipcia e, por suposto, romana. Ademais o seu  relativo illamento dentro das comunidades receptoras fixo que a súa “cultura material” non fose uniforme. Tampouco esas circunstancias facilitaron a creación de edificios, obxectos rituais ou sepulturas propias. Por iso non se conservan moitas evidencias de igrexas e outros edificios relixiosos anteriores ao século IV. As primeiras construcións, especialmente a partir do século III, empezaban a decorarse con pinturas e gravados que mostran escenas e certas imaxes con significados crípticos, recoñecidos soamente por eles. É o caso do peixe, a áncora, o acio de uvas ou a pomba, elementos simbólicos que comezan a formar un grupo distintivo a partir do ano 180, especialmente nas catacumbas, onde se reforzan coa representación de escenas bíblicas. A partir da legalización do cristianismo, as temáticas fanse moito máis explícitas e figurativas, potenciando representacións do Antigo e do Novo Testamento, así como dos textos apócrifos, motivos que xa empezaban a representarse nas últimas décadas do século anterior. Dende entón comezamos a ver un legado de elementos arqueolóxicos funerarios de excelente calidade, tanto na súa execución como na narrativa que  representan. 

Por todo, consideramos importante escribir sobre a chegada e difusión do cristianismo dende o punto de vista histórico -sociocultural, non só das crenzas-, en artigos que iremos incluíndo nestes “Diarios do Pasado”.

Te puede interesar