Opinión

Tumbas para os vivos

O título deste artigo aparentemente é contraditorio. Como poden existir sepulturas para os vivos? A resposta é que utilizamos o título dun libro publicado en 1973, “Tombs for the Living”, obra do investigador británico Andrew Fleming. Especialista na “arqueoloxía da paisaxe”, é dicir, o uso, modificación e, sobre todo, a creación de novas paisaxes polas pasadas sociedades agrarias. Fleming e outros arqueólogos, especialmente na órbita anglosaxoa, achegaron novas olladas para explicar o significado dos dolmens. O citado traballo foi moi ben recibido polos prehistoriadores, sobre todo os que nos dedicabamos a investigar os monumentos megalíticos. Tal tipo de interpretacións tivo unha excelente acollida na arqueoloxía galega a partir da década de 1980. 

Cal foi o motivo? Naqueles anos, cando indagábamos as sociedades prehistóricas que edificaban megálitos, as dos primeiros arquitectos europeos, centrabámonos en investigacións que buscaban aclarar a cronoloxía destas tumbas monumentais, así como as múltiples formas que estas adoptaban. Os dolmens, como saben, eran as sepulturas dos grupos familiares neolíticos, xentes labregas e gandeiras que no noroeste viviron aproximadamente entre o 4300 e o 2500 AC. Estes estudos eran esenciais para comprender as formas de vida dos nosos antepasados nesa etapa, porque as escavacións das súas sepulturas permitíanos coñecer as ferramentas que utilizaban, as formas de construír os dolmens ou a súa evolución tipolóxica nos, aproximadamente, dous mil anos que durou este uso funerario. Incluso, se as condicións de conservación eran propicias, cando se utilizaron, gracias ás datación de carbono 14. Pero a partir de publicacións como a de  Fleming -ou, por exemplo, Colin Renfrew-, os estudos enriquecéronse. As escavacións antes eran unha ollada ao interior do dolmen. Pero traballos como os que titulan este artigo, serviron para que a investigación de ampliase cara ao exterior dos monumentos, buscando as paisaxes na que se inserían e, non poucas veces, conformaron os construtores de megálitos. Tan importante como o anterior é a cuestión seguinte: por que e para que se edificaron? A explicación que daba esta escola teórica, apoiábase en causas económicas e sociais: a sinalización da propiedade do territorio por medio da monumentalización da sepultura dos antepasados. Parece que as sociedades megalíticas non coñecía o arado. As leiras para cultivar conséguense queimando áreas de bosque e as ferramentas dispoñibles -sachos e bastóns de cavar-, só servían para traballar solos liviáns e pouco profundos que axiña se esgotaban. Mentres a terra recuperaba os nutrientes, necesitaban crear novas parcelas agrícolas. E cando as leiras estaban tan afastadas que impedían explotación axeitada, debían trasladar as aldeas buscando unha maior proximidade dos cultivos, movéndoas ciclicamente polo seu territorio. Deste modo o poboado, precisamente por causa da súa mobilidade, non pode exercer ser fito nin referente da propiedade das terras. 

Entón o megálito cumpría esa función. Iso pode ser así porque por primeira vez na prehistoria se concentra un gran esforzo para construír tumbas monumentais, que fan visible o ritual funerario nuns panteóns que, ademais, son o símbolo de propiedade das terras que o circundan. A práctica do enterramento colectivo destes grupos parentais, proclama que os antepasados eran propietarios daqueles pagos dende antigo, propiedade transmitida e confirmada polas sucesivas xeracións familiares enterradas no dolmen. Como unha especie de “rexistro da propiedade” que, segundo esta escola de investigadores, foi utilizada polos megaliteiros da Europa atlántica. 

Te puede interesar