Opinión

Os mortos non votan

Hai costumes ben enraizadas nesta terra nas que a ideoloxía, si é que chegados até aqui aínda resiste, non fai distingos. Concellos nos que, por desgraza, o alcalde coñece polo nome e apelidos a tódolos veciños, e sen esforzo, onde o exercicio de votar en furna é un acto trasparente.

Moita xente recriminaba ao vello José Luis Baltar que adicara moitas horas ao día en percorrer velorios e enterros, que, por outra banda, non deixa de ser un xesto de humanidade entre quen presumía de amizades.

Un ten algunhas amizades no rural que teñen un deses locais que resisten, onde se fai o que chaman procesos de socialización contemporánea, léase tabernas, onde se suministran copas de licor café, cervexas e similares, tamén se xoga ás cartas. Non é a primeira vez que contan que detectan a proximidade das eleccións cando algunha desas vellas cara recoñecidas se deixa caer polo local. Non fai falla dicir que a vida se nutre de xestos, e cando ti non pisaches un local en tanto tempo, levas un cartaz na cara co lema escrito de que buscas parella.

Metidos en campaña é común nos partidos da esquerda acudir a pedir o voto aos mesmos sitios onde non comulgan, léase as saídas da misa, o porqué está claro, e non por devoción cristiá. É evidente que no rural é fácil descubrir os costumes, e seguirlles o fío aos fieis votantes. Un viu carrexar cristiáns en tódolos concellos, de esquerdas, dereitas e medio pensionistas, e non por seguidismo. Ou si, quen sabe.

A cidade é distinta, pero no fondo non deixa de ser un pobo un chisco máis grande. Aquí, coma non quedaría moi estético acudir á saída da misa, nin os votantes pasan en masa pola sacristía, o punto de encontro de candidatos de todas as pelaxes históricamente pasa polo Paseo, ese lugar onde o paisanaxe, escarmentado de tantos sacrificios e diarias peticións que lles fan rascar o peto, nestes días reciben sorrisos e agasallos como si no Concello nestes catro anos todo houbera sido un remanso de frores e carantoñas. Chegados até aquí, un xa non sabe, nin contesta. Coma nas enquisas.

Te puede interesar