Opinión

Arqueolóxico, residencia do bispo

Palacio persoal do bispo, fortaleza defensiva, caserón residencial, pazo ou casa forte, torres ou Curral do Bispo son algunhas das denominacións que mellor definen a este céntrico, histórico, singular e grande edificio de carácter civil edificado no primeiro terzo do século XII, segundo o testemuña o lintel fundacional que se conserva no interior do museo que fai referencia á súa construción no ano 1132. O enorme caserón desempeñou un importante papel dentro da nacente organización do que sería a futura cidade de Ourense como residencia e signo distintivo do poder feudal dos poderosos bispos.

Asentado tanto no actual solar como nos terreos circundantes, rúa Bispo Carrascosa e Barreira, ocupou os espazos na actualidade ocupados tanto pola da Casa do Concello como da Cárcere da Coroa, o que permitiu o crecemento do primitivo edificio ao longo dos séculos ampliado con diversos elementos construtivos tanto góticos como barrocos que paseniño configuraron este importante recinto defensivo enmarcado polas seis grosas torres que contribuíron á súa defensa. Así, no século XII o bispo Diego Velasco (1100-1132) iniciou a construción da torre Beati Martini, situada no solar correspondente á ábsida da igrexa de Santa María Nai, situada na esquina da rúa dos Brancos. Durante o pontificado de Vasco Pérez Mariño, no século XIV (1333-1343), engadíronse dúas torres góticas máis á propia muralla, comunicadas ambas situadas na rúa Bailén maila súa homóloga na Barreira (Fernández Alonso, Benito: “Crónica de los obispos de Orense”. La Popular, 1897.)

A Revolta Irmandiña desmantelou no século XV a maior parte delas, só conservándose actualmente, moi modificada, a situada cara o norte ademais da ocupada polas actuais dependencias do Arquivo Histórico Provincial que atesoura no interior unha interesante portada románica. No solar da torre situada na rúa de Bailén edificáronse, no tempo do monxe trinitario e posterior bispo Juan Muñoz de la Cueva (1717-1728), diversas dependencias para o aloxamento do persoal de servizo, de igual xeito como a coñecida Cárcere da Coroa ou dos Cregos, como o testemuña a existencia dun brasón situado sobre a porta da fachada. No escudo situado por riba da porta norte que da á Praza Maior, igualmente pertencente ao citado bispo, distínguese un cervo pasante así como unha fonte. Tímbrase cunha cruz latina e capelo do que penden dous bordóns con seis bolas en cada lado, todo ornado con profusión de lambrequíns ademais de diversas inscricións latinas acompañadas da data pertencente ao ano 1727 (Hervella Vázquez, Juan Andrés: “Torres e castelos na provincia de Ourense”. Hemeroteca La Región, 7/07/2018.) 

Trala venda do edificio ao Estado houbo a necesidade de adaptalo ás esixencias do nacente Museo Arqueolóxico Provincial, feito acontecido na década dos sesenta do pasado século, seguindo as pautas do arquitecto Pons Sorolla, aparecendo durante as obras de remodelación determinados elementos pertencentes a unha anterior fábrica romana: necrópole tardo romana, ademais de xurdir diversos achados medievais: soterramentos datados entre os séculos IX e X, así como outros moito máis recentes. Estas circunstancias, segundo a esixencia da lei, obrigaron á súa protección o que impide o normal funcionamento do museo polas obras dende fai bastantes anos.

Te puede interesar