Opinión

Casa Grande de Fechos

Dentro da denominada como arquitectura civil, son os pazos, casas grandes ou casais, pola súa particularidade construtiva, un dos elementos creativos máis singulares nacidos da maxina do nosos mestres devanceiros artesáns. Ámbalas dúas ribeiras do noso fermoso río Miño, de igual modo como os existentes nos cércanos pobos de Eiroás, Cudeiro, Velle, Ceboliño, Rairo, Seixalbo e Cabeza de Vaca, constitúen un bo expoñente da riqueza existentes destas grandes e antigas construcións tan vencellada ca nosa ben querida Galicia, na grande maioría dos casos situadas en medio de viñedos e belamente acompañadas por altos pombais, singulares cabaceiros e altos cipreses, constituíndo mudas testemuñas dun esplendoroso pasado reflectido nesas curiosas pedras armeiras que ennobrecen as vedrañas e empedradas fachadas ou ben adornando as súas artísticas portadas.

Pola estrada estatal N-120 de Ourense a Vigo, a nove quilómetros da capital das Burgas, concretamente no lugar coñecido como Porta do Prado, fronte á gasolineira de Santa Cruz de Arrabaldo, a man dereita, encomeza a encostada estrada provincial OU-0522 cara a Trasalba. A pouco do seu inicio  permite ollar ao visitante as vizosas terras circundantes do Ribeiro. Antes de chegar a Trasalba, pasado o pobo de Soutomanco, a man dereita, dentro do termo do Concello de Ourense, aparece o indicador do noso destino de hoxe, o peculiar e pintoresco pobo de Fechos no que se asenta a grande propiedade obxecto da nosa visita. 

A propiedade denominada Casa Grande sitúase no lado leste do pequeno núcleo rural de Fechos encontrándose rodeada por un groso muro de cachotería de granito de dous metros de altura. O portón de acceso á propiedade atópase fronte ao ensanche da estreita rúa que da paso a un grande patio no que se ergue a fachada principal da construción. Esta a forma varios corpos que configuran un esquema xeométrico irregular, constituído por dúas alturas na fachada norte e unha na que da fronte ao estreito rueiro situado cara o oeste. No extremo sur existe unha pequena pero bonita capela dedicada a san Xoán decorada cunha espadana dun só oco con campá. Os muros son de cantería de granito situados nos corpos principais tanto do norte como no da capela sendo de cachotería o resto. A cuberta do pazo é a dúas augas con tella curva. Na fachada oeste sobresae unha interesante cheminea de planta cuadrangular feita en perpiaño de granito do país. Na parte alta da propiedade, entre viñas, atópase un grande e interesante pombal de planta circular construído en cachotería granítica moi deteriorado na súa parte superior; ten o seu acceso mediante unha escaleira circular exterior que rodea ao muro. Resulta particularmente moi agradable, se a néboa o permite, a vista do amplo viñedo maila propiedade desde a parte alto do mesmo. Máis arriba na ladeira a trescentos cincuenta metros de altitude, atópase unha das plantacións de variedade vitivinícola autóctono máis antigas do Ribeiro con cepas de máis de trinta anos das variedades treixadura, godello, albariño e loureira con que se elaboran estes exquisitos viños acollidos baixo a Denominación de Orixe Ribeiro.

Te puede interesar