Opinión

Castelo de Santo Anxo, O Couto

O neogótico é un movemento artístico manifestado con carácter preferente na arquitectura que acadou o seu apoxeo entre os anos 1830 e 1875. Neogoticismo, clasicismo, historicismo ou ecleticismo son os diferentes nomes con que se designa este estilo cuxo obxectivo principal consiste na renovación e posta novamente en valor dos principios estilísticos do gótico en lembranza do estilo medieval.

No ano 1918, un filantrópico matrimonio ourensán formado por Isidoro de Temes e a súa dona, Ángela Santamaría e Alducín, marquesa del Valle de Oselle, promoveron a construción dun asilo para “doncelas orfas de traballadores” baixo a advocación do Santo Anxo, consistente nun fermoso templo que, á súa vez, sería un futuro panteón familiar, ademais dun grande edificio anexo con forma de castelo decorado cunha grosa torre do homenaxe que configuraría unha grande construción de marcado carácter medievo-militar, complementada ca presenza de murallas, ameas, torres, torreóns, porta de acceso, arcada e diversos elementos decorativos. Foi o esquecido pero recoñecido arquitecto ourensán Daniel Vázquez Gulías-Martínez, auxiliado polo mestre construtor Manuel Amor Fernández, Sergio Caride e Jesús Vidal, en colaboración co canteiro–escultor Cabanelas, contando co singular apoio do profesor de debuxo Jesús Soria, os autores de tan singular e espectacular recinto situado no Couto. 

Vidreiras neogóticas e neoplaterescas, de clara influencia perrafaelistas, decoradas tanto con temas profanos como relixiosos, mesturadas con dobres fiestras de dous ocos xemelgos, enlazados por un contorno común de arcos apuntados. contendo na parte superior do tímpano o escudo heráldico dos Santamarina, consistente nunha garza acompañada dun castelo, sobre ondas, armado dun brazo saínte dunha torre, son algúns dos elementos artísticos que embelecen esta singular obra arquitectónica. Resultan igualmente destacables o balcón corrido orientado cara o lado leste; as saíntes gárgolas, con representacións de figuras monstruosas, así como as verticais ameas da torre, sen esquecer a abundante presenza dos emblemas heráldicos tan frecuentes nas construcións históricas nas que o arquitecto buscou a súa inspiración.

A obra inaugurouse no ano 1925 dando con elo remate á arquitectura eclética en Galicia. Sen dúbida un digno broche final para o noso modesto pero interesante estilo tan característico dos inicios do neogótico existente na provincia, de comezos do pasado século.

Te puede interesar