Opinión

Construcións nobiliarias

Dentro da arquitectura civil son os pazos, casas grandes ou casal, pola súa característica construtiva, unha das creacións máis xenuínas froito da maxina do pobo galego, sendo á súa vez mudas testemuñas dun esplendoroso pasado reflectido nas súas fermosas fachadas e portadas, que locen, moitas delas, os signos distintivos dos seus moradores, pedras armeiras. Existiron e consérvanse moitos deles espallados tanto ao longo como ao ancho de toda a nosa provincia, de xeito concreto contabilízanse só no termo do Concello de Ourense un total de catorce, na grande maioría dos casos en laxante estado de conservación, ruína ou abandono. Noutros atópanse moi modificada a súa estrutura construtiva, co obxecto de adaptalos á vida rural, creada entre os finais do século XVI, XVII e XVIII. 

Resulta un tanto difícil analizar a estrutura arquitectónica pertencente a un pazo ou casa fidalga, sobre todo no caso daqueles ergueitos no entorno rural que aínda manteñen a continuidade do seu carácter de fortaleza defensiva orixinal, reflectido na existencia dunha pequena torre de vixiancia agregada ao propio edificio construído en consonancia co poder adquisitivo do seu propietario. 

Dende o período da crise medieval, ca desaparición en Galicia dos titulares das casas nobiliarias, fundamentalmente durante o reinado dos Reis Católicos, o seu posterior traslado á corte da nobreza galega motivou o paulatino abandono das súas posesión máis importantes: vellos castelos, torres e pazos, en beneficio da emerxente baixa fidalguía formada fundamentalmente por escudeiros, escribáns, comerciantes, terratenentes e clérigos con asento tanto nas nacentes vilas como nas cidades ou ben nas zonas rurais. Axiña esta nobreza emerxente, sobre todo a asentada nas cidades, tentou amosar o seu poder mediante a ergueita de pequenos palacios, pazos e casas grandes, decorando as súas fachadas cos seus símbolos nobiliarios: escudos ou brasóns.

O pazo galego defínese como unha casa tradicional de forte carácter señorial, normalmente situada no campo aínda que tamén existan nas cidades, cosntituíndo a residencia de persoas de certa relevancia. Ca categoría arquitectónica de palacio, estas construcións floreceron a partir do século XV tralo abandono da nobreza das súas vivendas tradicionais: torres e castelos, máis apropiadas para os fines bélicos que lúdicos, converténdose deste xeito en refuxio da fidalguía menor. 

O edificio, construído con grosos sillares de granito, soe ter planta rectangular, formada por un corpo principal seguido dun primeiro andar mailo faiado. Na fachada ábrese o grande portalón de acceso acompañado dos correspondentes ocos das fiestras, rotas en sentido vertical, protexidas no interior por contras de madeira. O acceso ao primeiro andar realízase mediante unha escaleira interior complementada, en moitos casos, cun segundo acceso pola solaina situada na parte traseira do edificio. O conxunto de salóns, comedor e dormitorios sitúanse no piso alto, namentres que na planta baixa atópase a cociña ca correspondente lareira, ademais das habitacións destinadas ao persoal de servizo así como os locais de almacenaxe dos apeos de labranza. A cubrición do edificio, xeralmente a catro augas, empregándose preferentemente a tella do país ademais da lousa, destacando de xeito singular a grande e artística cheminea ou chemineas, dependendo da categoría do pazo.

Te puede interesar