Opinión

Igrexa parroquial María Auxiliadora

A Congregación Salesiana iniciou a súa andaina na capital das Burgas mercé á xestión do pai David Touriño quen acadou traer a varios dos seus irmás a Ourense, entre os anos 1904 e 1910, ocupando un terreo a carón do río Miño aproveitando uns edificios ruinosos existentes destinados orixinalmente a fábrica de curtidos. Construído un colexio, no ano 1910, ca idea de ofrecer coñecementos agrarios dado a importancia co sector tiña na capital; axiña contou ca presenza de corenta alumnos de ensinanza básica pasando o centro a denominarse “Colonia Agrícola Nuestra Señora de los Remedios”  mais tarde “Colonia María Auxiliadora”, “Colexio María Auxiliadora e “Instituto María Auxiliadora”. Na década do ano 1920 un poderoso incendio destruíu as modestas instalacións, si ben foron reconstruídas grazas a unha subscrición popular pese ao sentimento anticlerical imperante durante a Segunda República maila posterior Guerra Civil. O centro continuou desenrolando a súa labor educativa nos novos edificios ergueitos os existentes na actualidade. A construción do templo a carón do colexio, segundo os planos elaborados polo directo do centro, José Saburido, contou ca estimable axuda do irmán salesiano José Peitado, iniciándose axiña a súa ergueita o día 7 de novembro do ano 1950. 

A fachada da igrexa destaca pola súa sobriedade de acordo ca estética imperante nos templos modernos inda que, iso si, respectando algúns dos postulados construtivos clásicos como a grande porta de acceso decorada cun arco de medio punto formado por catro arquivoltas con xambas e capitel. Resulta particularmente interesante as largas fiestras rematadas en arco de medio punto, así como o redondo rosetón, mailo reloxo, todo coroado polo campanario, de base cadrada, contendo dous ocos en cada unha das súas catro caras, todo coroado por pináculos dando rematado o conxunto nunha estreita e relucente cúpula coroada por unha metálica cruz. 

O interior do templo repártese entre as tres naves cubertas cun teito artesoado divididas por columnas de fuste liso no que se apoian pronunciados arcos peraltados. Resulta curiosa a grande amplitude desta Casa de Deus; así as súas dimensións son 54 metros de largo por 17 de ancho e 13 de altura que o converten no templo parroquial de maior capacidade dos existentes na capital ourensán. A capela maior, de planta semicircular, atópase decorada con bóveda de cruzaría, nela atópase o retablo maior, en estilo neogótico; nel amósanse pinturas representativas dos doce apóstolos situados baixos arcos conopiais coroados con pináculos divididos en grupos de seis polo sagrario, todo coroado por doce anxos e un crucifixo. A parte superior do tras altar alberga unha fornela presidida por unha alta talla, de vulto redondo superior ao natural, da titular da parroquia, María Auxiliadora, iluminada por amplos vitrais, un total total de trinta, elaborados pola casa viguesa La Belga, decorados con símbolos eucarísticos mais os dous que acompañan á Nai de Deus, todos encargados de dar unha grande luminosidade ao interior do templo. Nos muros do presbiterio locen dous retablos neogóticos dun só corpo dividido en tres rúas ademais do banco; o da esquerda o preside unha talla do Sagrado Corazón de Xesús, con decoración floral, namentres co da dereita conta cunha imaxe do fundador dos Salesianos, san Juan Bosco acompañado a súa esquerda por outra talla de santo Domingo Savio e, a súa dereita, dunha escultura de santa María de Mazzarello. Na nave que da acceso ao colexio, a do Evanxeo preto da porta de acceso ao templo figura unha piadosa imaxe do Crucificado, ademais de dous relevos, un deles cos bustos de diversos santos mártires da orde salesiana,  namentres ca na zona de paso cara o polideportivo, no chan, atópase a sinxela sepultura sepulcral do que foi bispo de Mondoñedo, monseñor Miguel Anxo Araujo Iglesias, ademais, no muro da nave do Evanxeo atópase unha pequena talla de santa Rita de Casia acompañada san Antonio de  Padua.

Te puede interesar