Opinión

Pazo do Casar do Mato, O Pombal

20200518174950289_resultado
photo_camera 20200518174950289_resultado

Pertencente á parroquia de Santiago das Caldas, no barrio da Ponte, o antigo pazo é todo o que queda do que no seu día foi unha grande construción coñecida como Casar do Mato, que aínda na actualidade desafía o paso do tempo no medio dunha silente soidade soamente acompañado do murmurio das aves que habita. Iso é o que queda actualmente da fermosa construción rodeada pola mesta maleza en torno ás ruínas do edificio. Situado a dous quilómetros de distancia da capital das Burgas a traveso da estrada nacional 120, de Ourense a Vigo, de xeito concreto á altura do supermercado Lidl, a man dereita, e a carón da rúa Casar do Mato, preto do Colexio de Infantil e Primaria “Albino Núñez”, tralo paso do túnel ferroviario, atópanse os restos deste monumento rural que tratamos hoxe. 

O nobre edificio, construído en boa fábrica, en sillería de calidade de agradables proporcións, ten planta irregular formada pola unión de varios volumes con dúas alturas, que son tres na torre situada no extremo sur. Posuía no seu día un patio inscrito cerrado polo propio edificio, así como un groso muro de pedra con portalóns de acceso en tres dos seus lados. 

Aínda na actualidade conserva parte da alta cheminea da grande cociña situada na fachada oeste, sendo esta de planta rectangular composta dun corpo máis outro engadido posteriormente, separados por unha larga imposta. É de destacar nela a existencia de dous saíntes canos para a eliminación das augas pluviais.  

Os rectangulares e pequenos vanos, ou ocos de aire, situados na parte baixa do edificio servían tanto para a defensa da propiedade como de ventilación da grande adega. A cuberta, actualmente arruinada, era a dúas e catro augas, atopándose protexida por tella do país. 

Te puede interesar