Opinión

Pazo dos Deza

A poucos quilómetros da capital ourensán, moi da propia urbe ten asento outra das construcións distintas das que estamos acostumados a ver diariamente; estoume a referir aos pazos ou casas grandes que foron, noutro tempo, morada da xente fidalga. Etimoloxicamente a palabra ven do substantivo latino “palatium” que equivale a palacio rural. 

A orixe destas edificacións data da Idade Media, tendo como referencia as fortalezas existentes de carácter defensivo e militar espalladas por todo a Península Ibérica. En Galicia, os pazos eran as casas residenciais dos señores feudais que se atopaban tanto en mans de xente nobre como fidalga, membros da Igrexa ou ben en posesión de xentes campesiña, iso si, ben acomodadas e integradas na comunidade rural, distinguidos ca categoría de señores. 

O pazo de Deza, asentado na cercana parroquia de Santa María de Reza, en Ourense, constitúe conxuntamente co seu veciño Varela de Limia unha excelente mostra da arquitectura paceña galega, datada no século XIX, bastante similar ás existentes a ambas marxes do río Miño. Ocupa un amplo solar cercado por un alto muro adintelado formado por un groso muro construído en sillares de granito, no que se abre unha cancela de ferro seguida dun portalón, ambos situados entre o triángulo formado polo cruzamento das rúas pequenas de Portalón e Fonte. O pazo posúe unha cativa capela, datada no ano 1826, inserta no muro, que conta cunha lucida espadana dun só oco, rematado en frontón de formas curvas, decorado con pináculos e cruz. Sobre a porta do pequeno edificio relixioso luce, sen labra, un cativo escudo rematado en coroa de marqués. Tamén existen dentro do pazo diversas dependencias auxiliares abandonadas como a casa dos caseiros, un alpendre cuberto e fonte, ademais dun pequeno hórreo e finca anexa. A construción principal, edificada con muros de sillería granítica, adopta a forma rectangular, case diríamos cadrada, contando con dúas alturas máis outra abuhardillada “masardas”, na que se abren no seu frontal sendas fiestras cadradas, situadas respectivamente cara o sur e oeste que conforman unha incompleta cruz. A cubrición do edificio é a catro augas mediante tella curva, sobre a que destaca unha grande cheminea de sección cadrada decorada nas súas catro esquinas con artísticos pináculos piramidais moi barrocos con remate en bola. O acceso ao edificio principal é a través dunha portada acompañada de dúas enreixadas fiestras rectangulares, así como no primeiro andar sitúanse outras catro de forma xeométrica rectangular protexidas por contras. Resulta un tanto curiosa a presenza dun baleiro escudo con coroa de marqués. Na cara situada ao leste posúe unha ampla e moderna solaina sostida por balaústres pedra e sostida por piares.

Te puede interesar