Opinión

Reinoso ou Casagrande

pazo_reinoso,_canedo

Continuando na procura do noso obxectivo dando a coñecer o noso interesante e valioso patrimonio etnográfico constituído polas construcións de carácter civil, de xeito concreto os pazos e casas grandes existentes dentro do Concello de Ourense, hoxe dirixiremos os nosos pasos cara a parroquia de San Miguel de Canedo, concretamente ao lugar de Santoufe, pertencente ao Concello de Ourense.

A Casa Grande de Canedo, ou tamén denominado Pazo Reinoso o Reynoso, constituíu no seu día unha das mellores representacións construtivas deste tipo de construcións existentes na bisbarra ourensana situadas a ambas ribeiras do río Miño. Convertido en casa de labranza, aínda na actualidade a pesares do seu evidente deterioro, constitúe unha importante mostra destas construcións de marcado carácter monumental existente na nosa terra. 

Situados na estrada Nacional 120, de Ourense a Vigo, pasado o punto quilométrico 574, a man dereita, parte a rúa das Carballás que tras un curto percorrido achéganos á praza da igrexa de San Miguel de Canedo; pasado esta a man esquerda, continuamos uns douscentos metros pola estreita rúa de Santoufe chegaremos finalmente ao noso destino.

A vella edificación de carácter rural, situada no medio dun gran predio, actualmente repartido entre dez parcelas, componse dunha planta rectangular, formada por dous corpos, o baixo ocupado pola antiga adega, mailo primeiro andar dedicado a vivenda. A sustentación do perímetro edificado corre a cargo de grosos muros de cachotería concentrada mesturada con outros de sillería ao que se suma a lamentable adición de ladrillo. O acceso principal sitúase cara o sur dispoñendo doutra entrada á vivenda pola zona norte. Cubre o edificio un tellado a catro augas composto de tella. O pazo aínda na actualidade conserva algún dos primitivos elementos que testemuñan a súa pasada grandeza a pesares do seu evidente mal estado de conservación como consecuencia das desafortunadas reformas así como diversas adaptacións que desvirtuaron, de xeito moi notable, a súa traza ao igual ca súa estrutura primitiva; pese a todo aínda conserva dúas pequenas solainas, a primeira delas, formada por un balcón retranqueado cuberto cunha estrutura de madeira situada no ángulo que conforman as fachadas sur e este. Decórase con interesantes balaústres en pedra. O outro caracterizase pola súa cuadratura protexido por sinxelas varandas de ferro; o sostén tres arcos arcos de medio punto.

Sábese que ao igual que nas grandes casas señoriais posuía sendos escudos nobiliarios, neste caso pertencente á familia Reinoso, aparecendo o seu brasón representado no respaldo da cercana igrexa de San Miguel de Canedo do mesmo modo co asento de dous cruceiros barrocos ademais de diversos elementos de ornato, pináculos que, desgraciadamente, foron mal vendidos, cedidos ou espoliados polos últimos propietarios da casa que, na actualidade, locen no pazo “Coto de San Martín” situado na parroquia de San Paio de Bóveda, no Concello de Amoeiro.

Te puede interesar