Opinión

Souto do Rei, en Cudeiro

2020101121061219812

Galicia vive na época barroca un dos momentos artísticos máis significativos e esplendorosos en todas as artes, sobre todo no eido construtivo. Ese ansiado espertar foi posible a pesares dos múltiples e lutuosos sucesos que aconteceron ao noso querido país, como guerras, fames, pestes, malos gobernos, etc., que afectaron notablemente tanto ao paupérrimo sistema agrario como ás inmensas propiedades pertencentes á igrexa -cabidos catedralicios, poderosos mosteiros, modestas parroquias- ou nobreza en xeral, todas elas impulsoras dunha notable actividade artística que enriqueceu tanto aos pobos como vilas e cidades, sendo a arquitectura, quizais, a súa expresión máis creativa. Esta euforia construtiva amosouse na ergueita tanto de pazos urbáns como de mansións señoriais ou edificacións singulares situadas no campo, como o son os magníficos pazos, as casas grandes, fortes ou caseróns.  

Ao bonito pazo de Souto do Rei, datado no século XVIII, achégase a traveso da estrada provincial OU-0526, atopándose a man esquerda no sentido de marcha, moi preto do pobo de Cudeiro. Un pequeno camiño terreo condúcenos ao noxo obxectivo de hoxe, que ten o seu remate xustamente diante da fachada do pazo, unha grande edificación illada no medio dun gran predio, situada ao norte do Val dos Gozos.

O pazo, con planta en forma de “U”, aínda amosa na actualidade o seu sentido agrario, como o demostra a presenza dun patio interior como lugar de recepción de visitantes así como de acollida dos produtos agrarios provenintes da propia finca. A nobre edificación componse de dúas alturas, aínda que a parte situada cara o norte sexa a máis elevada co resto do edificio como consecuencia do desnivel existente no terreo no que se asenta. Un portalón adintelado dá acceso ao citado patio interior, dende o que a traveso dunha escaleira de pedra achegase a varias dependencias do pazo como o forno, cociña, habitacións e demais estancias. Os muros son de cachotería concentrada en sillería granítica, nos que se abren diversas fiestras decoradas con lumieiras. Resulta particularmente interesante as dúas solainas existentes na edificación. A situada no lado leste ten o seu apoio sobre un macizo muro de sillería. Unha cornixa moldurada de granito da paso á cubrición do edificio composto de tres e catro augas mediante tella. Resulta particularmente interesante en relación ca fortaleza económica do pazo a presenza dunha grande e interesante cheminea composta de dous corpos mailo seu decorativo remate.  

Dentro das construcións obxectivas a carón do pazo figura a grande casa dos caseiros e a pequena capela exenta formada por unha nave con portada de acceso enmarcada por dúas columnas que sosteñen un arco de medio punto. Na parte superior existe unha pequena fornecela con imaxe situada por riba da porta. Dá remate á cativa edificación relixiosa unha pequena espadana dun só oco, sen campá, rematando nunha cruz de pedra. Un hórreo ou cabaceiro formado por catro corpos sostido por cinco pares de columnas rematadas no clásico tornarratos pétreo amosa todos aqueles elementos constituíntes deste tipo obra. Os laterais do mesmo compoñenos varios paneis e costais de ventilación en madeira, dando remate un teito a dúas augas mediante o emprego de tellas. Bancos e mesas así como un reloxo de sol ademais dunha artística fonte completan os diversos elemento obxectivos conque conta xardín en torno do pazo.

O símbolo heráldico distintivo da nobre construción o constitúe un escudo de pedra situado na fachada, formado por catro carteis sostido por un aguia explaida bicéfala rematada con coroa ducal o de marqués; símbolos heráldicos dos antigos posuidores da tan nobre edificación: Novoa, Villamarín, Deza e Boán. 

Te puede interesar