Opinión

Torre homenaxe do castelo de Viana do Bolo

Unha bonita lenda supón a fundación de Viana do Bolo por parte de emigrantes gregos tras a guerra de Troia no ano 1119 a. C. A dominación romana fomentou a explotación mineralóxica desta terra na procura de ouro, tal e como aconteceu na mina de Caldesiños, considerada como unha das máis importantes das existentes na Gallaecia, importancia corroborada co paso por Viana dunha vía secundaria romana que comunicaba ca Vía Nova 1. 

A finais do século XI, a raíña dona Urraca, filla do rei Fernando I, viviu temporalmente en Viana no castelo construído na Idade Media. Seu irmán Sancho II de Castela, el Fuerte, antes do seu asasinato ás portas de Zamora, trouxo ó Cid Campeador para co axudase nas loitas contra os seus inimigos. 

O castelo foi o fundamento histórico da futura vila vianesa. Así, consta co rei Fernando II reedificou o castelo ao mesmo tempo que repobou a vila no ano 1180. No século XIV, o novo rei Enrique II concedeu o dominio e señorío da mesma a Pedro Enríquez de Castela, conde de Trastamara, Lemos e Sarria. No ano 1450 constituíuse en señorío a favor dos Pimentel, conde de Benavente, así como por un curto espazo de tempo aos Lemos. Mortos estes, os seus títulos pasaron á casa de Alba e Liria.

Poucas son as novas existentes con referencia a Revolta Irmandiña nesta bisbarra, pero con bastante seguridade o castelo, como tantos outros de Galicia, sufriu as iras dos populares cansos da soberbia dos señores feudais e das discordias existentes entre eles. Trala derrota da irmandade, obrigaron a esta á súa reconstrución, cousa que efectivamente levouse a cabo no decurso do século XV. A mediados deste mesmo século, os vianeses, pola súa lealdade á raíña Isabel la Católica sufriron os ataques do rei portugués Alfonso V, librándose a sanguenta batalla de San Cibrao entre os condes de Lemos e Benavente, na que, segundo unha tradición, correu sangue polo río Camba debido á cantidade de mortos habidos por ambos bandos. Na Idade Moderna, Viana constituíuse en marquesado por manda de Felipe II en favor de Pedro Pimentel, fillo do conde de Benavente. 

No 1830, os demócratas liberais da vila, na Praza Maior, acaudillados por Antonio Rodríguez Bordás, subleváronse contra o absolutismo do mediocre rei Fernando VII, sendo reducidos polo capitán Nazario de Eguía, o que trouxo como consecuencia, tralo fracaso, a execución na praza principal da vila dos principais insurrectos. Actualmente unha placa colocada no tanque ou pía, lembra o vil asasinato dos caídos. 

No transcurso das guerras carlistas, a torre reforzouse co obxecto de vixiar ás partidas sen control que actuaban pola bisbarra, pasando máis tarde a converterse en cárcere do partido.  

A esbelta torre gótica da homenaxe, resto do castelo, atópase emprazada sobre o alto dunha colina, antigo castro, rodeada por vellas casas, algunha delas señoriais, situadas entre estreitas rúas. A súa forma xeométrica é cadrada, estando toda ela construída en mampostería de pedra cunhas dimensións aproximadas de nove metros de lado por dezaoito de alto. Ten a porta de acceso á altura do primeiro andar decorada cun arco semicircular cun tímpano liso. Varias son as cadradas fiestras repartidas polos muros. 

No interior da histórica torre atópase un interesante museo etnográfico no que se conserva importantes pezas así como un espazo dedicado ao emperador romano Tiberio Avila.

Dende o alto da torre, acompañado polo son da campá do concello admírase o belo panorama composto pola encorada auga do río Camba e máis a do seu irmán o Bibei, que compoñen ese singular e fermoso paraxe tan característico da nosa ben querida Galicia interior. 

Te puede interesar