Alguén sabe cantos anos levamos acabados, en proceso de demolición, sinistrados, se cadra incluso mortos? Imposible. Non, ninguén sabe, porque esta decrepitude é de sempre, non se distingue do invisible. Anda con nós dende o primeiro día. Aló a onde vai o home leva enriba a súa bosta, igual que leva no peto moedas soltas ou na cabeza as obsesións. Non quixera transmitir a imaxe de pesimista, ollo. Só penso que somos inmundicia, e que esa inmundicia, como calculou Onetti, témola de nacemento, e ao multiplicarse pola inmundicia dos outros, provoca un noxo insoportable. Afortunadamente ese lixo non significa a fin de nada. Xusto porque hai tanta merda arredor, presinto que habemos botar moitas vidas desaparecendo, como ata agora, igual que nos mellores anos da nosa historia. Na bosta fomos capaces de atopar o anaco de paraíso diario. Baixo esa metáfora, por moi mal que esteamos, tocamos o ceo.
Cada época, se vostede olla para atrás, aglutina todos os ingredientes para soster que a humanidade tocou fondo. O venres acendín a televisión e pensei, escoitando algunhas cousas, que isto rematou. Fin da inmundicia. Pero axiña advertín que hai dez anos, hai un século, hai dez vidas, concluiría exactamente o mesmo. Nun momento de Viaxe á fin da noite, o protagonista da novela relata o seu contacto coa Gran Guerra. Conque, non había ningún erro? Iso de dispararnos, di, así, sen vernos sequera, non estaba prohibido! Era unha das cousas que se podían facer sen recibir unha reprimenda. Estaba recoñecido incuso, alentado seguramente pola xente seria, como a lotería ou a caza de montaría.
A onde chegamos dende aqueles días nos que, segundo Louis Ferdinand Céline, xa tocabamos fondo? Lonxe, lonxe, moi lonxe. Exactamente ao mesmo sitio. Porque a demolición é infinita, pero renovada. Lembren a Lampedusa. Non cambia, pero experimenta grandes revolucións que lle outorgan a novidade de estar sempre aí, á última, a base de renovar complementos. Eu supoño que a insistencia que poñemos en ser nós, os de sempre, explica a duración do proceso de desmantelamento.