Ocorre que ás veces non sabemos que estamos mortos de pescozo para arriba, pero estamos. É un descoñecemento máis común do que parece, e que por algunha razón pasa inadvertido, como esas persoas que levan varios días falecidas no edificio. Determinadas mortes aprenden a finxir constantes vitais para facer vida normal entre nós. Probablemente vostede é un morto máis, e non o sabe. Non se inquiete. Eu son outro. E ela. E todos. Hai algo podre en todos nós de pescozo para arriba.
Nesta morte fragmentaria, indetectable, reside a nosa sorte, porque na medida que se nos agocha, anula determinados impulsos dos que, a priori, non nos sentiríamos propietarios. Quen estaría disposto a admitir que a inxustiza lle resulta indiferente? Recoñecería vostede que é un individuo mesquiño, sórdido, cruel, pusilánime, estúpido, violento...? Bo é, pois, que sexamos certa especie de cadáveres. Obviamente non sei o que quero dicir, e por iso tampouco consigo que vostede acabe de entendelo, sen crer que lle estou faltando seriamente. Talvez teña que ver co feito de estar morto de pescozo para arriba. Eu. E vostede. As cousas serían máis fáciles, supoño, se en lugar de falar de mortos, ou mesquindades, ou sordideces, falara de banqueiros. Catro días despois da noticia, é difícil dicir algo novo sobre José María Goirigolzarri, ex conselleiro delegado do BBVA indemnizado cunha pensión de 52 millóns de euros. Podería ser cínico, ou sarcástico, mais ignoro que mérito en concreto tería iso. Namentres, fico sentado, inmóbil.
Porque independentemente do que pense, que podo facer? Debería... pero estou morto de pescozo para arriba. Lembre. A vida é unha constante de dor abolida pola costume, escribiu Fogwill. Máis ou menos Fogwill.
O hábito da inxustiza e a miseria moral mataron determinados nervios.
Por iso, porque non hai nervadura, cando transcendeu a indemnización, non houbo unha revolución nacional e só algúns, por necesidades de narrativa política, levaron as mans á cabeza. Non son unha persoa de memoria, pero lembro que hai meses escribín aquí que planeo atracar un banco dende adolescente. Non lle vexo peros éticos á manobra. Descoñezo cando será, pero será. Lóxicamente non son o único con esa idea.