Opinión

A DECISIÓN IMPORTANTE

Na vida só hai unha decisión transcendental. Planificar ou improvisar? Eis a gran tarefa. Cando un decide entre estas alternativas, no fondo resolve que clase de persoa chegará a ser. Aínda que non o saiba. Non vexo que exista problema máis urxente que esclarecer que a clase de individuo que un representa. Só hai unha resposta capaz de esclarecer de golpe ese dilema. Inventar unha saída en cada minuto da vida, ou seguir o esquema trazado aquel día no que todo se planeou para sempre, son as definicións esenciais da vida. O demais ?digámolo sen medo? son hostias. Loxicamente, como dicía Cunqueiro, grande é a preguiza, e moitos deixamos transcorrer os anos sen desafiar a cuestión. Hai xente que non pode enfrontar o descoñecido. Doutra parte, existen tipos que non queren saber que vai ser deles máis aló das dúas horas seguintes. Lembre a Rick en Casablanca, cando Ivonne lle pregunta que vai facer esta noite, e el reponde: 'Non fago plans con tanta antelación'. Non hai modelos intermedios. Están os que precisan saber que pasará o 21 de setembro de 2024, poñamos, ás tres da tarde, e os que non saben que ocorrerá á volta do almorzo.


Non coñezo planificador máis exhaustivo que Tolstoi. 'Gustaríame acostumarme a determinar a miña maneira de vivir por adiantado, pero non só para un día, senón para un ano, para varios anos, incluso para toda a vida', comenta na entrada do 14 de xuño de 1850 dos seus Diarios. Antes, nunha entrada de 1847, escribe que hai que ter un obxectivo para toda a vida, para unha época determinada da vida, para un tempo determinado, un obxectivo para un ano, un mes, unha semana, un día, unha hora e un minuto. Juan Benet é o prototipo contrario. Recomendaba 'non poñerse a escribir se o resultado non era incerto'. Se un sabe a que se enfronta, convén abandonar.


Hai que estar preparado para fracasar co modelo que un escolle, fracasar novamente, toda a vida. Harold Brodkey era un novelista que, cando escribía, sempre ía de aventura. Esa vocación quixo trasladala a unha novela policial. Despois de seis meses chegou á páxina 600, pero aínda non morrera ninguén. A maioría de relatos policiais comezan cunha queixa sobre o baleiro da vida, o detective arruinado e agardando a que ocorra algo. 'Iso é o que debería ter feito. En vez diso fíxeno á miña maneira, que non funcionou'. Pero seguiu escribindo sempre dese xeito. Porque un día resolvera que sería esa clase de persoa.

Te puede interesar