Opinión

UNHA ESTANCIA BREVE E FUGAZ

Cada vez que entramos nunha etapa da vida na que estamos mal a gusto, ou desacougados, consolámonos pensando que será un lapso breve e fugaz. Ninguén quere pasar a vida amargado máis aló dun intervalo negro. É unha actitude natural, pero simultaneamente errática. Nada malo ou incerto é tan breve e fugaz que non poida durar anos. Cando alguén pesaroso, na procura de consolo a unha situación nefasta, se achega a min, eu bótolle un caldeiro de auga fría, e fálolle de Giovanni Drogo, o protagonista de El desierto de los tártaros. Licenciado na academia militar, destínano á Fortaleza Bastiani, un lugar incerto, perdido entre montañas altísimas, asomado ao deserto polo norte, por onde algunha vez ?suponse? atacarán os tártaros. A súa estancia vai ser breve e fugaz. Pero transcorren as décadas e Drogo continúa nese remoto acuartelamento. Primeiro levado polo seu entusiasmo de militar novo, e máis tarde pola atracción da rutina e a vida carente de sobresaltos que leva, pasa a vida preparándose para enfrontar a uns inimigos, os míticos tártaros, que sempre están por chegar, pero nunca chegan. Cando por fin aparecen diante da fortaleza, tras unha espera de decenios anunciada por vagos indicios, Drogo está enfermo e debe ser evacuado sen poder participar na batalla.


Non existen os lapsos breves e fugaces, aínda que existan. Acaso non ía ser, tamén, a nosa unha crise efémera e fráxil? Algúns albiscaban, no intre de entrar no túnel, o raio transparente, o pracido luar da saída. Anos despois, agardamos unha escapatoria desta escuridade co mesmo afán que o personaxe de Dino Buzzati esperaba o ataque dos tártaros. Non convén contar o tempo. Nada hai máis desesperante que ollar para un reloxo. Busquemos, pois, o confort da incomodidade. Algo bo ten que ter unha crise tan infausta.


Cando lle relato aos amigos abatidos a historia de Drogo, completo o final cun episodio de José Donoso. Na súa residencia en Santiago de Chile, recibiu un día unha invitación para participar durante tres días nun congreso de literatura en México. 'Imos?', preguntoulle á súa muller. Se só ían ser tres días, non había razón ningunha para rexeitar o convite. Fixeron unha pequena maleta para pasar xuntos aquelas tres xornadas, e nunca máis regresaron a Chile. Exiliáronse casualmente, de socato. Na vida trátase de non agardar o final. Xa chega el.

Te puede interesar