Opinión

A IMPORTANCIADO SECUNDARIO

Ninguén me convenceu aínda de que sexa real o espazo que separa a vitoria, o primeiro lugar, do segundo posto. De feito, manteño a estraña teoría ?chámelle, se quere, estúpida? de que os individuos secundarios son, secretamente, os protagonistas, os grandes de historia, pero o suficientemente intelixentes como para non caer no erro de carrexar coa gloria e eclipsar ao resto. Xa o viu Kipling, cando en If se referiu ao Trunfo e a Derrota como impostores por igual. O xenio ocúltase.


A fama, en cambio, explora a luz e constrúese como mentira, e o individuo que queda segundo, sábeo. De aí que fuxa para atrás, onde a sombra non lle permite ver ao espectador que vén despois da vitoria. Calquera paciencia que algunha vez puido aniñar nos homes, desapareceu por completo, e toda a espera posible chega até a coroación do campión. O resto é invisible. Ou peor, o que sucede no tempo á vitoria non pasou.


Hai nesa manobra de ficar un paso por detrás do gañador un compoñente estratéxico elevadísimo. Falo dun movemento que non desencadea efectos inmediatos, unha xogada que, como no xadrez, está pensada para que produza efectos moi posteriores ao acto en si. Quedar segundo forma parte dunha táctica que está pensada para transcender ao reparto da gloria. Precisamente a gloria é unha explosión que só interesa ao gañador, que, por desgraza para el, queda desdebuxado no intre que toda a luz da fama se proxecta sobre a súa figura.


Ese golpe de flashes produce o efecto dun incendio interior. Nese instante fugaz parece non advertirse, pero pouco a pouco comprobarase que o gañador é o desaparecido, o derrotado total, o individuo que sucumbiu á embriaguez do primeiro posto. O secundario, porén, resiste sen desgaste o proceso de sometemento ás horas, os días, os anos, a historia. Ese é o trunfo.


Talvez o cine sexa a tarefa humana que mellor amosa o valor, por dicilo así, do espírito secundario. En primeira lectura, as historias que toda película relata están construídas sobre personaxes protagonistas, heroes o antiheroes. Curiosamente, estes só poden estar feitos desa madeira sobre a existencia de personaxes secundarios, en aparencia invisibles, terciarios, pero que en segunda lectura, se desaparecesen farían caer a calquera estrela. Salvo que esta saiba, tamén, quedar de cando en vez segunda.

Te puede interesar