Opinión

MANEIRAS DE FUXIR

Cantas veces non preguntamos, 'que fago eu aquí'? Todos queremos fuxir nalgún momento. Eu quero desaparecer de aquí a miúdo. Isto da vida, dalgunha maneira, vai de fuxir. Noutro sentido, vai da imposibilidade para emprender a escapada. A fuxida é un dos grandes temas do home, porque outra das obstinacións da humanidade é a prisión. Fuximos ?de casa, da parella, do traballo, dos deberes, do compromiso, da rutina, de etcétera...? porque algo abstracto nos afoga. A escapada é un acto de preservación. Cando a capacidade de estar fronte ás cousas ou ás persoas nos fai sufrir, desaparecer rescátanos desa angustia. Só fai falta valor e inconsciencia. Nunha entrevista a The Paris Review, George Simenon falaba de que, como escritor, enfrontaba dous problemas. O feito de que sexamos miles de millóns de persoas pero a comunicación completa sexa imposible entre dúas desas persoas, era un. O outro, era a fuxida. Cambiar de todo a túa vida en dous días, sen importar en absoluto o que ocorrera antes, marchar sen máis, ir cara nada. Precisamente Simenon é autor de La huida, onde Norbert Monde, o día que 48 anos, marcha de casa sen deixar rastro. Sen ganas de nada, comproba que ninguén se acorda do seu aniversario, e cando acude normalmente ao traballo, de socato invádeo o desapego. Nese intre, Monde decide fuxir para non volver. Afeita o bigote, compra un traxe discreto, cambia o seu nome polo de Ambrose e fuxe cara onde a vida o leva.


Pero a gran novela sobre a fuxida é El halcón maltés, de Dashiell Hammet, onde relata a historia de Flitcraft, un executivo acomodado, felizmente casado, pai de dous fillos, que un día desaparece, abandona á familia, e pasa a chamarse Pierce, nome co que se volve converter nun executivo acomodado, felizmente casado e pai de dous fillos. Ás veces as manobras de evasión fracasan porque a fuxida transcorre en círculos.


Claudio Magris describe un dos xestos máis fuxitivos da literatura. Unha vez chamou por teléfono a Canetti, e respondeu a voz dunha vella dama inglesa. Magris identificouse e a señora pediulle que agardara. Canetti atenderíamo en breve. En efecto. Canetti explicoulle a Magris que se retiraba a Londres para rematar un libro e ocultarse cada vez que o precisaba. Como parte dese plan de fuxida, reveloulle que a dama inglesa que o atendera era o propio Canetti, que para escapar non precisou deixar de escribir, como Rimbaud, e fuxir a Abisinia, senón que lle bastou cambiar de voz. Cada un fuxe á súa maneira, incluso cara o seu interior.

Te puede interesar