Este país que temos, é unha merda? Seguramente si. Non vexo que outra cousa mellor podería ser habendo nel xente coma min. E, por suposto, xente coma eles. Só aquí, no núcleo da bosta, pode ocorrer que o pasado se volvera unha rémora, se é que non un vertedoiro. O pasado? Só os resentidos se interesan por feitos en desuso, inmóbiles, mortos. A campaña está en marcha, e resulta tremebundo e arrepiante o modo en que avanza, facendo crer que o pasado, na medida que xa transcorreu, non existe, ou non ten nada novo que aportar. Mentira, mentira, mentira. O pasado está sempre por chegar. No pasado, xustamente, han suceder as cousas máis relevantes dos próximos tempos. O pasado é a nosa tumba, o lugar onde estamos mortos, en todos os sentidos. Non existe nada máis que o tempo pasado. Pero en moitos casos, aínda está por vir. Mais sempre comparece.
O que vostede, ela, eu, todos, cheguemos algunha vez a ser, ten máis que ver co que xa fixemos. Ningún cadáver permanece eternamente debaixo da alfombra. Antes ou despois alguén advirte o vulto. O futuro será, pois, canto veña de atrás. Chámanlle porvir porque nunca chega, escribiu Ángel González, para falar do futuro, das promesas, da mentira. O poeta tamén tivo a lucidez de escribir que un home nunca sabe que pasado lle espera.
O país é así. A merda é isto. Hai persoas convencidas de non ter nada que ver co pasado. Non cren nel. Sería unha sorpresa para eles que existira algo así. Talvez, nese caso, se apuntaran a un curso de pilates, a un seminario de Pascal. Nunca os feitos pasados gozaron de maior descrédito, nin resultaron máis miserables as persoas que acoden a eles na busca de novas preguntas. Os homes do futuro xa só cren no esquecemento como forma de memoria coa que incrementar a capacidade de albergar novos datos. Ninguén confía en Wittgenstein, para o que os problemas solucionábanse non dando nova información, senón lembrando o que sempre soubemos. A xente do futuro, organizada sobre ideas como a présa, o poder, os votos, non mira atrás, nin abaixo, para non lembrar o vulto da alfombra. Merda de país, si.